Austria será o rival da Selección Española de balonmán en Pontevedra
Por Diego Espiño
A Selección Española de balonmán xogará o Pontevedra o próximo mes de outubro, e farao finalmente ante o combinado de Austria.
Así o anuncia a Federación Europea (EHF), que fixou o encontro, primeiro da fase oficial de clasificación para o Campionato de Europa de Polonia 2016, para o día o mércores 29 de outubro ás 20:30 horas no Pavillón Municipal dos Deportes.
Este partido fíxase tras o compromiso do presidente da Federación Española, Francisco Blázquez, adquirido cando visitou a cidade do Lérez con motivo do Teucro-Granollers de Copa do Rei despois da polémica xurdida ante o cambio de sede do España-Suíza cando Blázquez asumiu o cargo.
Desta forma os actuais campións do Mundo visitarán Pontevedra cun encontro que servirá ademais para axudar economicamente o Teucro, vicedecano do balonmán nacional e que participará na organización.
O Concello, que leva meses negociando coa Federación Española, pretendía acoller o segundo encontro como local da Selección ante Alemaña, pero finalmente o rival será Austria, dentro dun grupo de clasificación no que tamén se encontra Finlandia.