Tono Campos, Diego Romero, Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, a por medalla no Europeo de Brandemburgo
Por Redacción
Tono Campos e Diego Romero (Breogán do Grove) e Raquel Rodríguez e Jenifer Casal (Ciudad de Pontevedra) participarán esta fin de semana no Campionato de Europa sénior de piragüismo que se celebrará en Branderburgo (Alemaña). En total, a representación galega nesta proba continental ascende a dezaseis padexeiros, trece homes e tres mulleres.
Buscarán a medalla Tono Campos e Diego Romero nunha das súas probas favoritas, o C-2 1.000 metros; mentres que José Manuel Sánchez competirá en C-1 1.000 metros. Na modalidade de canoa, a representación galega complétase con André Oliveira e Yeray Picallo en C-2 500 metros e José Luis Bouza en C-1 500 metros
Pola súa banda, Rubén Millán estará no K-1 1.000 metros e Víctor Rodríguez competirá no K-2 1.000 metros. Tamén Diego Piña formará parte do equipo español no K-4 1.000 metros. Roi Rodríguez, que se proclamou campión de Europa sub-23 en K-1 1.000 metros, terá agora a súa oportunidade en K-1 500 metros. Carlos Pérez Rial afrontará o K-2 500 metros, mentres Cristian Toro e Carlos Arévalo formarán no K-1 200 metros.
Galicia contará con tres padexeiros na categoría feminina. Carla Pérez será unha das participantes en K-1 200 metros, mentres Raquel Rodríguez e Jenifer Casal afrontarán a proba de C-2 500 metros.