Tono Campos e Diego Romero quedan a oito décimas do bronce no Europeo de piragüismo
Por Redacción
Co mel nos labios. Así quedaron os pontevedreses Tono Campos e Diego Romero no Campionato de Europa de Augas Tranquilas que se disputou esta fin de semana en Brandenburgo (Alemaña). A C2 dos padexeiros do Breogán do Grove, nunha sensacional carreira, quedou a só oito décimas da medalla de bronce na final de 1000 metros, nun dos mellores resultados dos últimos anos nesta modalidade olímpica.
Nunha gran regata na que foron de menos a máis, os dous padexeiros galegos metéronse entre os máis grandes desta categoría olímpica, cun tempo de 3:36.26 que os deixou a menos dun segundo do podio. Finalmente, a vitoria foi para os húngaros Henrik Basbányai (3:31.449), seguidos polos rusos Alexey Korovashkov e Ilya Pervukhyn (3:32.788) e polos checos Jaroslav Radon e Filip Dvorak (3:35.46).
Tono Campos e Diego Romero chegaran á final, despois de afrontar o sábado unhas eliminatorias marcadas por unhas condicións meteorolóxicas realmente adversas, Consiguieron sobrepoñerse á adversidade e tras quedar sextos na clasificatoria da mañá, na semifinal subiron o ritmo e melloraron o seu rendemento (3.38.183), meténdose na final en terceira posición.
Pola súa parte, as padexeiras da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Jenifer Casal e Raquel Rodríguez non tiveron tanta sorte como os seus compañeiros. Na final de C2 500 metros, unha modalidade nacente con só seis embarcacións inscritas neste Europeo, o tándem pontevedrés foi o último en entrar en meta, cun tempo de 2:24.348. Quedaron a case 14 segundos do podio. A vitoria foi para as húngaras Zsanett Lakatos e Jinscö Takács.
O resto dos representantes do piragüismo galego tiveron sorte dispar en Alemaña. No K2 200 metros, Cristian Toro e Carlos Arévalo foron quintos a tan só 0,13 segundos do bronce; Jose Luis Bouza finalizou sétimo en C1 5.000 metros, igual que Roi Rodríguez en K1 500 metros; mentres que en K2 1.000 metros Víctor Rodríguez e o seu compañeiro Diego Cosgaya foron novenos.
Pola súa banda, Carla Pérez foi oitava na súa semifinal de K1 200 metros e non puido disputar a final, igual que Rubén Millán en K1 1.000 metros, que foi sexto na final B, tras quedar quinto na súa semifinal do venres.
Relacionadas:
-
David Cal, Tono Campos, Diego Romero e Adrián Sieiro, rumbo a Moscú para o Mundial de piragüismo
Por Redacción |
-
O Balneario de Cuntis, apoio para Diego Romero no seu camiño a Río 2016
Por Redacción |
-
Adrián Sieiro e Sergio Vallejo compiten desde este xoves no Mundial júnior e sub-23 de Szeged
Por Redacción |
-
Tono Campos, Diego Romero, Raquel Rodríguez e Jenifer Casal, a por medalla no Europeo de Brandemburgo
Por Redacción |