Triunfo do equipo de minibasket do Arxil na Jamboree, campionato de España oficioso da categoría

Por Redacción
O equipo do minibasket do Club Baloncesto Arxil é, dende este venres, campión de España oficioso da categoría despois de asegurarse o triunfo no prestixioso torneo Jamboree.
Nesta competición, celebrada dende o mércores en Santiago de Compostela, déronse cita sete equipos, toda vez que algunhas federacións renunciaron a participar a pesar de estar promovidos pola Federación Española de Baloncesto.
O conxunto verde, adestrado por Marita Janeiro, realizou un torneo inmaculado, con triunfos ante Peleteiro, Multibasket, Selaya, León e San Antonio antes de confirmar o título gañando o último encontro, na tarde do venres, ante o Celta (94-53).
A formación do Arxil no Jamboree estivo composta por Mariña, Alba, Carla, Kely, Saleta, Carmen, Ainoa, Noemi, Belén, Anara, Paula e Iria.