A despedida do plantel destapa a grave división no consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño
Os vestiarios de Pasarón foron escenario na tarde do luns dunha agre reunión entre xogadores e corpo técnico, por un lado, e consello de administración do Pontevedra, polo outro, aínda que quizais sexa máis exacto dicir que o "lado" do consello de administración estaba dividido en dous bandos claramente enfrontados, poñendo de manifesto as graves disensións que existen no seo do propio consello sobre a forma de xestionar o club, e especialmente sobre o modo de facer fronte aos compromisos económicos.
Ata agora, a situación deportiva freara o debate interno existente no consello, aparcando en segundo plano esas diferenzas que comezaban a ser un segredo a voces e que remataron de estalar, cunhas consecuencias imprevisibles para o futuro do mesmo consello, e, o que é máis importante, do propio Pontevedra.
O certo é que os xogadores, aos que se lles deben tres mensualidades máis diversas cantidades en concepto de primas pactadas e aprazamentos da tempada anterior, están fartos de promesas incumpridas e de que non se atendesen os pagamentos pendentes, nin sequera tras o anuncio da cobertura da ampliación de capital, coa que se lles manifestou que as dificultades de tesouraría quedaban resoltas.
Como tampouco entenden que a recadación dos tres partidos de play-off, aos que habería que sumar 18.000 percibidos polo traspaso de Pibe ao Real Betis, non servisen para que se lles aboe nin unha das mensualidades pendentes.
A pesar diso seguiu facendo gala dunha entrega total ata o último partido, se ben estiveron a punto de estalar o pasado sábado, xusto antes de xogar en Puertollano. Alí, no hotel de concentración, requiriron a presenza do presidente do consello, José Manuel Fernández, que tivo que acudir para calmar os alterados ánimos e intentar transmitirlles tranquilidade en vésperas de tan decisivo compromiso.
Pero ao regreso de Puertollano, co equipo e corpo técnico reunidos nos vestiarios de Pasarón, a situación explotou, e fíxoo principalmente tras a intervención do conselleiro Enrique Mariño, que excitou os ánimos da maioría dos xogadores con expresións que moitos deles cualificaron de desafortunadas e fóra de lugar.
Ao comezo da reunión, o presidente José Manuel Fernández e o conselleiro José Antonio Millán, dialogaron cos xogadores, prometendo o pagamento dunha das mensualidades pendentes ao longo da presente semana. Millán, representante do colectivo Acción Granate, solicitou os xogadores que confiaran na súa palabra de que en breve se lles aboaría o resto e non presentasen denuncia por non pagamentos, xa que esta podería ter repercusións posteriores para o club, que en caso dun futuro ascenso estaría obrigado a presentar un aval por unha elevada suma.
As palabras e compromiso de ambos os dous dirixentes foi en xeral ben recibida polos xogadores, que pretendían precisamente poder iniciar as súas vacacións con tranquilidade e valorar positivamente a proposta de renovación que moitos deles teñen sobre a mesa, tras as conversacións iniciadas a pasada semana polo tamén conselleiro Alberto Argibay.
Pero todo cambiou ao aparecer en escena os conselleiros Enrique Mariño, Manuel Ruibal e Roberto Feans, integrantes do grupo do consello que encabeza Ricardo Tilve, co apoio de Lupe Murillo. O primeiro deles, presentouse como director financeiro do club, o que provocou o primeiro reproche por parte dalgún dos xogadores, que o fixeron ver que se era o director financeiro xa "era hora de que se dejase ver" para explicarlles os atrasos nos pagamentos das mensualidades.
Enrique Mariño aos xogadores: "en estos momentos el club no está en condiciones de hacer frente al pago de ninguna nómina"
Os ánimos acendéronse definitivamente cando, segundo explicaron algúns xogadores Mariño lles dixo que "en estos momentos el club no está en condiciones de hacer frente al pago de ninguna nómina", indicando que a partir da próxima semana se lles iría chamando un a un para estudar cada caso particular.
Tal afirmación non só provocou o malestar dos xogadores, senón que acendeu a chama entre os conselleiros presentes, con berros e acusacións cruzadas, en presenza do equipo, que eran perfectamente audibles no exterior a bastantes metros do lugar no que se celebraba a reunión.
"Quiero mi puto dinero" berroulle un xogador ao conselleiro Enrique Mariño
Segundo os xogadores, Mariño, sempre no seu papel de levar a iniciativa do grupo de Tilve e Murillo, mesmo chegou a enfrontarse a algún xogador, indicando que "yo vestí la camiseta de este club antes que tú", mentres que a outro lle dicía que se lle pagaba pero restándolle determinada cantidade, o que inmediatamente foi contestado en voz alta por un xogador ao berro de "quiero mi puto dinero".
Lonxe de calmar os ánimos, cada palabra engadida por Mariño acendía máis e máis o ambiente, sobre todo ao dicir aos xogadores, segundo a versión destes, que "el que quiera denunciar que denuncie y ya veremos lo que hacemos", o que levou a varios deles a expresar que "con esta gente desde luego que no seguiremos en el Pontevedra".
Foron unhas dúas horas de discusión e "bochorno". José Manuel Fernández, visiblemente molesto e enfadado, abandonaba Pasarón sen querer realizar declaracións. Quen si as fixo foi o propio Mariño, pero lonxe de apagar ou intentar disimular as graves diferenzas entre os membros do consello de administración, non tivo reparos en afirmar: "Nosotros vinimos aquí para hacer viable a este club. Aquí hay muchos que prefieren dar ruedas de prensa y hacer promesas que después no se pueden cumplir".
Esta última afirmación, comentada despois con varios xogadores, fíxolles reafirmarse na súa pregunta de "dónde está el dinero de la ampliación de capital y las taquillas del play-off", ao mesmo tempo. Mesmo, un dos homes importantes desta tempada foi tallante ao manifestar, pero sen querer que o seu nome saíse á luz polo momento que "me gustaría quedarme, pero desde luego, si sigue esta gente me voy de aquí".
Relacionadas:
-
Lupe Murillo releva a José Manuel Fernández no Consello e a Presidencia do Pontevedra
Por Redacción |
-
Comezan a planificar o novo Pontevedra: o club ofrece renovar á metade do equipo actual
Por Alejandro Espiño |
-
Non puido ser: Outro ano no inferno tras empatar (0-0) en Puertollano
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada