Comezan a planificar o novo Pontevedra: o club ofrece renovar á metade do equipo actual
Por Alejandro Espiño
Independentemente da categoría na que milite finalmente o Pontevedra CF a próxima tempada, os responsables técnicos e deportivos do club xa teñen marcada unha folla de ruta a partir da cal confeccionar o equipo para o exercicio 2014-2015. E segundo puido saber PontevedraViva, se se cumpren estes plans a metade dos actuais xogadores granates non continuarán a tempada que vén.
Xa transcendera que o Pontevedra fixo unha oferta de renovación a David Feito, un dos homes claves desta tempada. Quérese contar con el unha tempada máis. Esta mesma oferta recibiron ou recibirán nos próximos días outros nove xogadores. Trátase do porteiro Edu; os defensas Adrián e Pablo; os centrocampistas Fran Fandiño, Pedro Crespo, Tubo, Kevin Presa e Tomás; e o dianteiro Pablo Carnero.
Pola contra, o club non conta con doce dos xogadores desta tempada. Salvo sorpresa non continuarán Paco, Miguel, Caco, Pablo Lede, David Pérez, Luismi, David García, Benja, Javi Otero e Kevin Levis. A eles únense Richi e Santi Domínguez, sen ficha dende xaneiro, que xa chegaron a un acordo coa directiva para abandonar a casa granate. Todos rematan contrato, polo que só habería que negociar con eles o pagamento das cantidades que se lles deben.
Esta lista podería sufrir algúns cambios, especialmente no caso de tres xogadores sobre os que existen certas dúbidas e aos que ao final se lles podería ofrecer a renovación. Neste suposto entrarían Luismi, David García e Kevin Levis.
E que pasa con Yago Vázquez e Moreira? Son as principais incógnitas na dirección deportiva do Pontevedra CF. O club aínda ten pendente sentarse a negociar con eles, pero por agora non hai unha decisión tomada sobre o seu futuro. En todo caso, máis opcións de continuar podería ter o primeiro. A súa condición de canteirán podería xogar ao seu favor ante unha hipotética renovación.
Con respecto ás novas incorporacións, os responsables deportivos do Pontevedra están xa a sondar o mercado en busca dos xogadores que mellor encaixen no proxecto do club para a próxima tempada. Se ben, estas fichaxes si estarán máis condicionadas pola categoría na finalmente milite o Pontevedra, algo que debería confirmarse a próxima semana.
Relacionadas:
-
David Pérez únese á lista de baixas do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Miguel Vázquez e Pablo Lede, dúas novas baixas confirmadas polo Pontevedra
Por Ramiro Espiño |
-
Pablo Couñago e Cano na órbita do Pontevedra; Lloves, moi preto de volver
Por Diego Espiño |
-
A Federación Española eleva a 265.000 euros o custo da praza do Ourense
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra, a 160.000 euros de Segunda B tras o descenso administrativo do Ourense
Por Diego Espiño |
-
A posible renuncia do Puertollano ao ascenso podería abrirlle ao Pontevedra a porta da Segunda B
Por Alejandro Espiño |
-
A despedida do plantel destapa a grave división no consello de administración do Pontevedra
Por Ramiro Espiño |