Aberta a inscrición da marcha cicloturista Os Tres Picos, que se atrasa ata o 23 de agosto
Por Redacción
Con varios meses de atraso sobre os plans iniciais (estaba prevista a súa celebración o 17 de maio), a primeira edición da marcha cicloturista 'Os Tres Picos' poderá finalmente realizarse o sábado 23 de agosto.
Serán 132 quilómetros con saída e chegada en Marín e ascensións, por esa orde, aos altos da Escusa, A Fracha e o Lago de Castiñeiras.
Nos últimos días abríronse as inscricións para a proba, de carácter afeccionado, nun prazo que se manterá aberto ata o 19 de agosto a través da páxina web www.emesports.es, con prezos reducidos ata o 22 de xullo.
A organización poñerá a disposición dos participantes diversos servizos como gardarroupa, duchas, avituallamento e gardería.
Ademais estanse a organizar diversas actividades que terán lugar unha vez finalice a marcha.