Acción Granate anticipa 55.000 euros ao Pontevedra para atender pagamentos urxentes
Por Ramiro Espiño
Débedas diversas. Nóminas pendentes a equipo e empregados do club. Prazos que atender con Facenda e Seguridade Social. Pagamentos urxentes que afrontar nas próximas datas e practicamente unha total falta de liquidez na tesouraría granate para afrontalos. ÿ a situación que vive o Pontevedra, a expensas de recibir diversas cantidades pendentes en concepto de subvencións e patrocinios.
Unha situación que encontrou un momentáneo respiro co anticipo que realizará nesta mesma semana o colectivo Acción Granate ao club, por importe de 55.000 euros, e que servirá para poñer case totalmente ao día aos xogadores (quedarán pendentes unicamente de percibir a nómina do mes de abril en curso), ademais de afrontar os pagamentos máis urxentes que ten que atender a entidade granate, e que debe facer efectivos nestas datas.
José Manuel Fernández e Alberto Argibay garanten co seu aval a devolución do diñeiro
Como queda reflectido, trátase tan só dun préstamo que realiza o colectivo ao club, pola intermediación de Alberto Argibay e co aval do mesmo Argibay e tamén do presidente do consello de administración, José Manuel Fernández, que se comprometeron coa súa firma á devolución do diñeiro en canto se dispoña de liquidez en caixa, pero que vai permitir unha maior tranquilidade na xestión inmediata, ademais de afastar as preocupacións dos xogadores, que poderán centrarse nas cuestións deportivas, neste momento transcendental da tempada.
De feito, o compromiso e a inmediata recepción do diñeiro nas arcas do club xa foi trasladado polo mesmo presidente, José Manuel Fernández ao equipo, que recibiu a noticia con evidente agrado e alivio por ver como se soluciona unha situación que en determinados momentos da tempada creara un importante descontento no grupo.
Relacionadas:
-
Festa popular para encher Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Merece máis o Pontevedra en Boiro (0-0) nun partido intenso e disputado
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño | Creada e actualizada