Sempre nos quedará...Santi Domínguez. Dous goles seus e dous de Jacobo dobregan un bo C.D. As Pontes
Por Ramiro Espiño
Distintos protagonistas pero a mesma película e case sempre de terror. Outra vez o peor escenario. No medio dun ambiente enrarecido pola protesta dun amplo sector da afección cara a banco e palco granate, comeza o partido e sen tempo para respirar, a remar contracorrente. Un rexeitamento perigoso, raso e polo centro, situación de risco mal interpretada nunha decisión individual (os rexeitamentos cara a un lado, nunca ao centro, diría un bo "guionista"), grave erro arbitral na interpretación da xogada e gol en fóra de xogo que sobe ao marcador.
Película de terror, si, que logo pasaría a encadrarse noutra cualificada como "drama romántico", ao fín e ao cabo de "Casablanca" naceu a frase: "Sempre nos quedará... " Santi Domínguez. O dianteiro de Bueu non ía xogar. Problemas laborais impedíanllelo, pero felizmente a última hora da noite do sábado arranxouse a cuestión e seus foron os goles que daban a volta ao marcador, trocando lanzas por canas e conseguindo un feito inédito esta tempada no Pontevedra: rematar gañando un partido no que empezaba a remolque.
Outra vez a portaría "xoguetona". Suspense na concesión do terceiro gol do Pontevedra
E "drama romántico" porque a afección se debatía entre o amor ás súas cores (incuestionable) e o odio, ou mellor dito, desapego, ao técnico, que tivo a gallardía (e xusto é recoñecerllo) de saír dous minutos antes que o equipo e poñerse diante do banco aguantando estoicamente o ballón. Iso si, houbo final feliz, e en boa parte hai que atribuírllo a esa mesma afección que premeu con forza ao trío arbitral para que concedese o terceiro gol granate, nun balón que recordou ao de Xavi Hernández no partido de España fronte a Arabia Saudí, pegando no ferro e saíndo, nunha portaría, a do fondo norte, a mesma do famoso "non gol" do ano pasado, que se está a volver xoguetona e complicada para os árbitros. Por certo, o trío catalán acertou ao dar o gol, pero errou ao non sinalar un penalti sobre Santi na xogada anterior, e ao conceder o primeiro gol do partido en claro fóra de xogo, polo que o invento este do intercambio entre colexios servirá para viaxar, pero non mellora o que temos aquí.
Claro que para chegar a ese final feliz houbo un detalle crave: correr. Correr tanto ou máis que o adversario e o Pontevedra esta vez si que o fixo. Certo que lle custou entrar no partido, pero tamén que cando o fixo evidenciou signos de mellora, xunto a vellos pecados que seguen custando moi caros. Houbo ganas e compromiso. Non se baixaron os brazos ao primeiro revés, do resto encargouse un "killer" como Santi Domínguez, secundado por un Jacobo asubiado na primeira parte e ovacionado tras unha segunda memorable.
Polo camiño quedan os balóns colgados ao tun-tun (esperemos que non se repitan en futuros partidos) transformados en chegadas ata a liña de fondo con centros a favor de dianteiro (así chegaron dous dos catro goles locais). Atrás quedaron tamén as faltas laterais absurdas de toque en curto para non sacar nada en limpo e ata os corners (ben defendidos e algún favorable finalizado en remate perigoso). Moito camiño aínda por percorrer, porque no medio se quedan dous regalos que custan dous goles, pero as penas con pan son menos, e os erros con vitorias se superan.
Caco reaparece despois de máis dun ano sen xogar por lesión
E reapareceu Caco, despois de máis dun ano. E houbo cambras (haberá que vixiar o aspecto físico), pero esas cambras indican que se competiu ata chegar á ducha arrastrándose. Celebráronse os goles con rabia, con ganas. Pasáronse apuros durante 20 minutos, tras o 3-2, cando As Pontes acreditou que se ía terceiro era por algo (ben o equipo coruñés, traballado tacticamente e con sólidos argumentos), pero sóubose sufrir para regalar á afección un último gol nunha contra de libro.
Non é suficiente para aparcar a mini crise, nin para selar o divorcio entre a bancada e o adestrador, pero en canto a actitude, este é o camiño a seguir, porque esta vez si, houbo fútbol e a saída de Pasarón viu como os afeccionados se ían cun sorriso no rostro.
PONTEVEDRA, C.F. (4): Lloves (2); Adrián (2), Sestelo (1), Pablo (1), Nano (2); Cristóbal (1), Iago Paz (2), Moisés (1), Tubo (2); Jacobo (3) e Santi Domínguez (3).
Substitucións: Caco (2), por Moisés, min. 73. Fran Fandiño (2), por Tubo, min. 78. Javi Pazos (s.c.), por Jacobo, min. 89.
C.D. AS PONTES (2): Kiko (0); Rochela (2), Pablo López (2), Chote (1), Esmorís (1); Nano (2); Dieguito (1), Dani (2), Bossa (2), Iván González (2); Sergio Arias (3).
Substitucións: David Amado (2), por Dani, min. 62. Troncho (1), por Iván González, min. 74. Eloy (s.c.), por Dieguito, min. 84.
Árbitro: Carlos Rodríguez Enríquez, auxiliado nas bandas por José Mª Rodríguez Enríquez e David Rodríguez Carballás. Colexio Catalán. Amoestou a Lloves, Adrián, Sestelo, Dani e Iván González.
Goles: (0-1) Minuto 1: Sergio Arias, en claro fóra de xogo, ao recoller un rexeitamento de Tubo que dá en Dani. (1-1) Minuto 14: Santi Domínguez cabecea á cepa do poste un bo centro de Adrián. (2-1) Minuto 49: Santi Domínguez culmina por raso, dende preto, un centro de Jacobo, tras unha excelente xogada de todo o equipo. (3-1) Minuto 53: Jacobo pon na escuadra unha falta lateral que dá no ferro e sae rebotada e que o árbitro concede tras as consultar co seu asistente ante as protestas de público e xogadores. (3-2) Minuto 58: Sestelo corta coa man un balón que roubara Sergio Arias nunha cesión defectuosa do propio Sestelo. O claro penalti transfórmao Bossa, enganando a Lloves. (4-2) Minuto 87: Jacobo culmina unha rápida contra aproveitando un gran pase de Fran Fandiño para coar o balón entre as pernas de Kiko.
Incidencias: Campo Municipal de Pasarón. Uns 1.300 espectadores. Frecuentes mostras de desaprobación da bancada cara ao adestrador e o palco. Os compoñentes da maioría de peñas situadas no Fondo Norte abandonaron as súas localidades no minuto 5 de partido en sinal de protesta, regresando a estas no descanso para animar o equipo, aínda que a continuación de cada gol granate lle seguían insistentes berros de "Milo, vaite xa".
VESTIARIOS:
MANOLO GARCÍA: "O ritmo do Pontevedra é alto e custounos seguilo, así comezaba a súa comparecencia o técnico visitante, que engadía: "Ao comezo da segunda parte sufrimos demasiado castigo en só 10 minutos, logo tivemos ao Pontevedra á nosa mercede durante 20 minutos, tras o 3-2, pero non logramos empatar e nunha contra sentenciáronnos". "Estou desgustado pola derrota pero penso que demostramos a razón da nosa boa clasificación".
MILO ABELLEIRA: "Soubemos reaccionar á mazada do primeiro gol - dixo Milo -. Logo tivemos paciencia, pero cando conseguimos o 3-1 parece que non nos vai a tranquilidade e noutro erro individual os metemos no partido". "Non nos fomos atrás, pero eles empurraron moito e fixéronnos sufrir. Temos que ser máis duros e contundentes en defensa e non dar esas facilidades, pero quédome con que fixemos catro bos goles e coa loita dos xogadores". Con respecto ás protestas cara a el dende a bancada, Milo non se cortou ao dicir: "Ogallá digan moitas veces "Milo, vaite xa" se é tras un gol do noso equipo. Claro que non lle gusta a ninguén que lle berren e a min tampouco, pero o entendo e o respecto, porque sei que lle queren ao club e á fin e ao cabo eu tamén son afeccionado e me gusta que gañemos sempre,".