Destacado papel de Mecos e Vilaxoán no Campionato Galego de Bateis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Pobra do Caramiñal acolleu a pasada fin de semana o Campionato Galego de Bateis, con tripulacións de sete diferentes categorías.
Entre os clubs participantes destacou o papel de Club de Remo Mecos do Grove e do Club de Remo Vilaxoán arousano.
O primeiro logrou o título na categoría Xuvenil masculina, por diante de Náutico de Vigo e Tirán, pero Mecos conseguiu ademais dous podios máis: un terceiro posto na categoría Absoluta feminina, onde foi superado por Samertolameu e Chapela; e tamén terceiro lugar en idade Cadete masculina, con Cabana e Cabo da Cruz nos primeiros postos.
Pola súa banda Vilaxoán impúxose en Promesa feminina, superando por moi pouco a Chapela e con máis folgura a Mugardos.
A este resultado hai que sumar o terceiro lugar da tripulación Absoluta masculina nunha proba dominada por Samertolameu e Cabo da Cruz.
Por último Amegrove finalizou na cuarta praza na categoría Xuvenil feminina, na que se impuxo a formación boirense de Cabo.
A próxima cita no calendario será o Campionato de España desta especialidade na localidade cántabra de Camargo durante o próximo fin de semana.