A Gimnástica pecha unha das súas mellores tempadas de pista cuberta e campo a través
Por Redacción
Nos primeiros meses da tempada o campo a través e a pista cuberta lévanse todo o protagonismo, quedando relegadas as competicións de atletismo en pista ao aire libre e na ruta, a un segundo plano.
Este ano os resultados da Gimnástica foron magníficos nesta primeira parte do curso atlético. Con 60 medallas nos Campionatos de Galicia de pista cuberta, hai que irse ao ano 2009 para encontrar un mellor balance, cando os atletas pontevedreses sumaron 64 medallas na pista cuberta autonómica.
De entre o total deses metais, hai que destacar o total de oros, que foron 34, un récord para a Gimnástica. Ademais das 15 medallas que se sumaron no galego absoluto, lideraron o medalleiro entre os clubs autonómicos.
A nivel nacional as medallas fanse moi difíciles, pero as seis que se conseguiron, 3 platas e 3 bronces, fan que o resultado obtido se poida cualificar de magnífico, destacando o bronce de Julián Ortiz, no nacional absoluto, e o record de Galicia xuvenil de Darío Costa no Heptatlon, con 4.709 puntos no nacional xuvenil, que lle deron a medalla de prata.
Tampouco podemos esquecer os dous oros que conseguiu Álex Flórez no mundial de veterano de pista cuberta, nas distancias de 3 e 10 km. marcha, aínda que representando a Suíza.
No campo a través dous atletas da Gimnástica subiron ao podio do Campionato Galego absoluto. Víctor Riobó foi segundo e Rubén Diz, terceiro. Tamén foi brillante o terceiro posto de David Martínez na distancia curta do nacional de cross. Ademais, catro atletas foron seleccionados por Galicia para o Campionato de España, Rubén Diz, Javi Paredes, Ramón Serantes e a júnior Cristina González.
Nas competicións de Clubs, o equipo pontevedrés conseguiu outra gran xesta como foi a súa primeira medalla nun Campionato de España Absoluto. O equipo masculino de cross curto, levouse unha prata na especialidade e ademais os rapaces fixeron dobre no Campionato autonómico, ao ser primeiros no cross curto e na distancia tradicional.
Na pista cuberta os rapaces repetiron a vitoria do ano pasado na Copa de Galicia baixo teito e acudiron, por terceira tempada consecutiva, á Copa do Rei, conseguindo unha merecida quinta posición, entre os oito mellores clubs de España.
Será o próximo 26 de abril cando comece de forma oficiosa a tempada estival en pista ao aire libre, co galego de clubs en Lugo, competición que dará paso a tres meses frenéticos ata xullo, cando se celebren os Campionatos de España das diferentes categorías.