Sábado intenso para os equipos do Leis Pontevedra
Por Redacción
O Leis Pontevedra afronta este sábado, día 12 de abril, unha xornada especial no Pavillón Municipal dos Deportes.
Por un lado o club lerezano presentará a todos os seus equipos de base (12 máis os dous sénior e a escola que xestiona no colexio San Narciso) a partir das 16:00 horas.
Tras a foto de familia será a quenda para gozar do encontro da Segunda División Feminina ante o Futsi Navalcarnero (17:30 horas), cun equipo pontevedrés que se encontra xa salvado nunha cómoda posición na táboa.
Todo isto servirá de aperitivo para o prato forte da xornada, o penúltimo encontro ligueiro do equipo masculino de Terceira División co ascenso en xogo. Será ante o Xove a partir das 19:30 horas.
Os de Manu Cossío encóntranse na segunda praza a un só punto do líder, o Pazos de Borbén, e empatados coa Estrada e Burela B con dous partidos aínda por xogarse.
O Leis necesita pois dous triunfos para asegurarse por un lado a clasificación para a próxima edición da Copa do Rei (clasifícanse os dous primeiros da liga) e por outro un campionato que o catapultaría á Segunda División B.