Bo rendemento de Sergio Míguez e Cristóbal Sánchez na clásica ciclista de Aiztondo
Por Redacción
Sergio Míguez e Cristóbal Sánchez asinaron unha destacada actuación na IX Aiztondo Klasika, unha proba que gañou Antton Ibarguren (Telco'm-Ginex), que é o novo líder da Copa de España de ciclismo en ruta. Míguez, que xa brillou na primeira proba da Copa de España, acabou na quinta posición a tan só 36 segundos do gañador, mentres que o seu compañeiro foi sexto. Os dous estiveron en todo momento moi activos e soamente perderon contacto coa cabeza na última subida a Aduva.
Antton Ibarguren gañou por diante de Samuel Nicolás (Mutua de Levante-Delikia). Ambos formaban parte dun grupo de contraataque que foi protagonista en boa parte da carreira, pero do que saltaron na penúltima subida, atrapando aos dous grandes protagonistas do día, Adriá Moreno (ControlPack) e Artem Samolenkov (Loksphynx), que se tiveron que conformar coa vitoria na montaña e nas metas volantes.
A 35 segundos chegaba o primeiro pelotón, moi estirado nas rampas finais, comandado por Juan Ignacio Pérez (Gomur-Cantabria) e Vadim Zhuravlev (Lokosphinx) a 35 segundos; Sergio Míguez (Super Froiz) a 36 segundos; Cristóbal Sánchez (Super Froiz), a 38 segundos, e André Sánchez (Mutua Levante-Delikia) a 40 segundos, que defendeu con uñas e dentes o seu liderato nun terreo que non era o seu e tras sufrir unha caída na primeira parte da proba, afortunadamente sen consecuencias.
A actuación de Míguez e Sánchez confirma o bo rendemento que está tendo o Froiz na presente edición da Copa de España, facendo esquecer a mala imaxe do ano pasado. Grazas ao seu noveno posto en Don Benito e o quinto en Aiztondo, Míguez ocupa o cuarto posto na clasificación xeral da Copa de España con 180 puntos. O líder é Ibarguren que suma 234 puntos, fronte aos 211 de Sánchez e os 210 de Zhuravlev.
A próxima fin de semana o Supermercados Froiz terá unha tripla cita porque terá que afrontar en terras castelás, o trofeo Ayuntamiento de Zamora o sábado e o domingo una das citas máis tradicionais do calendario ciclista español élite e sub 23, o Trofeo Iberdrola, que coincide co Gran Premio Macario que é a terceira proba da Copa de España.