De Segovia domina o XV Memorial Manuel Sanromá de Almagro
Por Redacción
José Antonio de Segovia e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz foron os auténticos protagonistas do XV Memorial Manuel Sanromá celebrado na localidade de Almagro (Ciudad Real).
O ciclista do equipo alimenticio adxudicouse as dúas etapas, asegurándose así tamén a clasificación xeral da proba.
Na primeira xornada De Segovia, actual campión de España Elite contra o reloxo, chegou en primeiro lugar por diante de dous corredores do Specialized-Fundación Contador, Juan Camacho e Juan López, segundo e terceiro na xeral do Memorial, tras percorrer 80 quilómetros pola bisbarra de Almagro.
Pola súa banda no segundo día de competición o equipo dirixido por Evaristo Portela tivo que mostrar todo o seu potencial para defender o liderado e neutralizar unha escapada que ameazaba o triunfo final.
Fíxoo pouco antes da chegada, propiciando un sprint no que se impuxo de novo o ciclista do Froiz.
A escuadra alimenticia céntrase agora no seu próximo obxectivo, o Trofeo Guerrita (Murcia), cuarta cita dunha Copa España que se converteu nunha das súas obsesións, toda vez que Sergio Míguez está situado no terceiro posto da clasificación do campionato.