O Teucro presenta a súa campaña de socios máis especial coa que quere "espertar o xene durmido da xente" e celebrar xuntos os 80 anos do club
Por Almu Dapena
A Sociedad Deportiva Teucro cumpre 80 anos esta tempada e faio "coa ilusión renovada de percorrer un longo camiño non exento de dificultades" aínda que cun "futuro con grandes posibilidades de crecemento a nivel deportivo e social".
Por iso, independentemente da categoría na que compita, queren seguir mantendo esa esencia de club histórico "que impregnou a catro xeracións de pontevedreses que formaron parte dunha traxectoria infestada de éxitos e tamén de sombras", indicou durante a presentación da campaña de socios 24-25 Carlos García-Alén en representación da xunta xestora.
Neste sentido, a campaña que van poñer en marcha é "especial", cun escudo exclusivo que quere unir Pontevedra coa lenda do seu fundador Teucro, que dá nome ao club, e a súa celebración, ilustrando o arco cun facho integrado e os 80 anos.
O lema, pola súa banda, será 'GEN de ganador' ou 'XENE de gañador', resaltando "o carácter propio fronte ás adversidades, un club que supera obstáculos, que se reinventa, que crece a todos os niveis, que non ten medo ao futuro e que contaxia un impulso sempre cara a adiante".
Aplican o xene biolóxico hereditario a toda persoa ou grupo que nalgún momento formou parte da historia do club e que se transmite entre xeracións, buscando "espertar a ilusión e o orgullo de ser do Teucro ou de volver ser do Teucro" e contribuír entre todos para que o club "siga cumprindo etapas e creza facéndose maior e sendo moza á vez. Podemos espertar ese xene durmido da xente que foi do Teucro e celebrar xuntos os seus primeiros 80 anos".
No que respecta a os prezos, o socio único deberá abonar 75 euros polo seu carné, mentres que o custo para os abonados de entre 18 e 25 anos será de 55 euros. O carné familiar está fixado en 150 euros e o de socio protector en 175 euros. Os exxogadores e integrantes da base menores de 25 anos terán acceso gratuíto.
REGRESO DE GONÇALO AREIAS
O portugués Gonçalo Areias volve á disciplina azul tras dous anos militando no Balonmán Triana de Primeira Nacional, co que disputou esta última campaña a fase de ascenso a División Honra Prata.
O portugués, que chegou ao Teucro no ano 2021, destaca por ser un xogador polivalente nas diferentes posicións da primeira liña.
Relacionadas:
-
O Teucro completa a súa portería coa fichaxe de Anxo Fraga
Por Redacción |
-
Rikki González volve ao Teucro
Por Redacción |
-
O Teucro xa coñece o calendario da nova tempada
Por Redacción |
-
Javi Santana, Miguel Pello e Sergio Cortizo, a por unha tempada máis co Teucro
Por Redacción |
-
Continúan os movementos no Teucro coas renovacións de Andrés Pérez e Roi González
Por Redacción |
-
Caue Herrera renova como un dos líderes do novo proxecto do Teucro
Por Redacción |