Jacobo Fernández únese ás renovacións do Bádminton Ravachol
Por Redacción
O Club Bádmiton Ravachol renovou a Jacobo Fernández, unha das súas pezas crave que competirá por quinta tempada consecutiva na máxima categoría nacional.
Ata o momento, o xogador disputou 26 partidos vestindo a elástica do equipo pontevedrés polo que desde a directiva indican que, "presumiblemente, será un dos xogadores máis importantes no apartado masculino".
O campión iberoamericano está a se recuperar dunha operación no ombreiro que lle terá apartado das pistas no inicio da liga, pero destaca por ser "un xogador importante e polivalente, que pode actuar tanto nas súas especialidades (as probas de dobres), como en individual".
"Non se pode entender este proxecto sen os irmáns Fernández", admitiu Jesús Pereiro, directo deportivo. "Se tardamos un pouco máis en falar con Jacobo foi unicamente por estar centrados noutras cuestións como a procura de patrocinadores e outras renovacións de deportistas internacionais, pero a sintonía con Jacobo é total. Esperamos que se recupere da súa lesión canto antes e vólvanos a facer gozar do seu altísimo nivel."
Esta renovación súmase ás de Gabriel Fernández, a inglesa Georgina Bland e o francés Leo Van Gysel, catro xogadores clave para o equipo que seguirán deleitando ao público pontevedrés co mellor bádminton.