Quince deportistas con dano cerebral adquirido dan exemplo de superación na II Travesía a nado #PoloDanoCerebral
Por Redacción
A praia do Preguntoiro, en Vilaxoán, acolleu este sábado unha segunda edición de récord da Travesía a nado #PoloDanoCerebral.
Trátase dunha proba deportiva inclusiva na que participaron ao redor de 100 persoas, 15 con dano cerebral adquirido, e acompañantes de apoio dos deportistas con discapacidade.
A travesía está enmarcada na liña de actuación que Dano Cerebral Galicia desenvolve para o fomento do ocio e do deporte inclusivo para persoas con dano cerebral, prestándolles os apoios necesarios para a participación nese tipo de actividades, garantindo a accesibilidade universal e o exercicio do dereito ao ocio de todas as persoas.
É unha proba solidaria e non competitiva que ten como obxectivos dar visibilidade ao dano cerebral adquirido e como de promover uns hábitos de vida saudables a través da práctica de deporte que contribúan á prevención do dano cerebral adquirido e, máis concretamente, da súa principal causa, o ictus.
A actividade está organizada por Dano Cerebral Galicia coa colaboración de Arousaman-Arousawoman e do Concello de Vilagarcía.