A recuperación do Teucro pasa polo Municipal
Por Diego Espiño
Despois dunhas semanas moi complicadas, con problemas de efectivos non só nos partidos, senón tamén nos adestramentos, a Sociedad Deportiva Teucro busca un triunfo reparador na visita do ARS Palma del Río ao Pavillón Municipal dos Deportes (sábado 20:00 horas).
Os azuis aínda non poderán contar con Juan Bar, cuxa recuperación transcorre máis lento dos esperado, ademais da baixa polo que resta de tempada de David Chapela, pero si esperan que Víctor Rodríguez poida gozar de minutos e César Armán poida asumir unha maior responsabilidade tras entrar xa na convocatoria o pasado fin de semana.
Co recordo do acontecido ante o Ereintza no último partido na casa, os de Javier Barrios non se fían dun rival, o Palma del Río, que se está a mostrar competitivo a pesar de ser o penúltimo clasificado.
Os dous puntos permitirían aos pontevedreses recuperar sensacións e manterse preto da zona de privilexio, o que malia non ser o obxectivo principal do ano ilusiona ao equipo azul tras permenecer nos postos de play-off durante boa parte da tempada.
Os colexiados designados para o encontro deste sábado son os castelán manchegos Amigo Plaza e Espadas García de la Galana.