O título galego de cross country maratón ponse en xogo este domingo en Cuntis
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Un percorrido de 64,7 quilómetros deberán completar os 164 corredores que participarán este domingo 9 de xuño no Campionato de Galicia de Cross Country Maratón (XCM) que se porá en xogo na undécima edición da Ruta do Lacón, organizada Club de Montaña Xesteiras.
O club organizador preparou un itinerario polos lugares máis senlleiros do concello. Así, as corredoras e os corredores participantes nesta proba atoparán castros, ríos e regatos, fervenzas, antigas fábricas de luz, bosque autóctono ou trialeiras.
Deberán ademais afrontar tres ascensións, o Monte Xesteiras (quilómetro13), Castro Arcos (quilómetro 36) e Castro Serbil (quilómetro 53).
A presentación deste evento tivo lugar na Praza da Constitución de Cuntis, punto de partida e de chegada do percorrido desta proba, que entregará os seus premios a partir das 13:30 horas.
Alejandro García nos juniors, Carla Fernández e Diego Marnotes en sub-23, Eva Ortega e Brandán Márquez en elites, Daniel García nos máster-30, Natalia Raña e Diego Rey en máster-40, Antonio Rodríguez nos máster-50 e Carlos Gómez nos máster-60 defenderán os seus títulos.