Brutal Distracción foi unha banda pontevedresa xurdida a finais dos 80 que conseguiu facerse un oco no panorama nacional do hardcore naquel momento.
José Antonio Antúnez, o bateria da actual formación, entrou a tocar para un concerto benéfico e este pódese dicir que é a ligazón entre a banda inicial, que acabaría disolvéndose e a actual Brutal que fai metalcore e integran tamén José Antonio Rodríguez e Isidro Otero nas guitarras, Adrián Martínez na voz e Charly Cabadas ao baixo.
A banda arrancou en 2013 e teñen publicado un ep, 'Amnesia' do 2014, e un elepé en 2019, 'Grita máis forte'. Agora, este 25 de novembro poñen á venda en formato físico outro elepé, '22820'. Unha data cuxa historia responde á intrahistoria do grupo e que nos contan no podcast 'Conversas na Ferrería'.
Editaron un dobre elepé, cunha particularidade; dobre porque cada un dos dez temas están gravados en galego máis en castelán. Foi un traballo prolongado no tempo e no que volveron a recorrer a Unreal Studios e BeaBesada Estudos, de Marín e Gondomar, respectivamente.
Van ofrecer un concerto de presentación do disco. Será no Tronkobar de Pontemuíños este sábado 25, a partir das 20.30 horas. A entrada é gratuíta, aínda que poñen algo así como unha fila cero para que a asistencia colabore economicamente co que estime.
O podcast completo escóitase desde a ligazón adxunta e tamén está dispoñible para descargadesde a web de PontevedraViva Radio.