Entrada de balde para asistir á gala lírica que a soprano rusa Julia Muzychenko ofrecerá en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A soprano rusa Julia Muzychenko, acompañada da pianista ucraniana Alina Artemyeva, protagoniza a gala lírica que se celebrará o sábado 21 de outubro no Auditorio Municipal no marco dos espectáculos programados pola Sociedade Filarmónica de Vilagarcía.
A entrada ao concerto será de balde grazas ao patrocinio da Concellería de Cultura, que asume o custe da actuación co obxectivo de facilitar que calquera vilagarcián poida gozar dunha excepcional velada musical. O concerto comezará as 20.30 horas.
Como xa vén sendo habitual, a Sociedade Filarmónica de Vilagarcía inclúe en cada tempada unha gala lírica. O programa da deste ano foi elaborado pola propia Muzychenko, que seleccionou arias tan coñecidas como "Je veuxvivre" do Romeo e Julietta de Gounod, "Quandom’envo…" de Musetta da Boheme de Puccini ou "Caro nome" de Gilda no Rigoletto de Verdi.
No concerto tamén se poderá gozar da interpretación de cancións e romances de Rachmaninov, cando se conmemora o 150 aniversario do seu nacemento, e de vibrantes pezas de zarzuela.
Julia Muzychenco é unha das máis destacadas novas voces do panorama lírico europeo. Tras estudar no Conservatorio de San Petersburgo e posteriormente na Hochschulefür Musik Hanns Eisler de Berlín, obtivo numerosos galardóns en importantes certames, entre os que destacan o seu recente terceiro premio no Concurso Reine Elisabeth de Bruselas, o segundo no Concurso Caballé ou o Salicid’ Oro en Vienna.
Conta cunha gran experiencia e brillantes aparicións nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos como o Comunale de Bolonia, Semperoper Dresden, o Mariinsky de San Petersburgo, o Regio de Parma, o Deutsche Oper Berlin ou o Montpellier, que continuará esta temporada con diversos proxectos operísticos, combinándoos con aparicións en galas coa Orquestra Nacional de Bélxica e cun tour de concertos por Corea do Sur.
Pola súa banda, Alina Artemyeva rematou a súa formación na Escuela Reina Sofía de Madrid, cidade na que exerce como pianista repertorista en diversas cátedras, incluída a de canto, dende hai máis de dez anos.