Os venres, a biblioteca de Cuntis regala libros para fomentar o amor pola lectura
Por Redacción
Cada venres, a biblioteca pública municipal Roberto Blanco Torres de Cuntis vai regalar libros dentro dunha campaña para promover o amor pola lectura.
A campaña, bautizada 'Os venres a biblioteca regala libros', supón sacar libros á entrada do centro para que os interesados poidan facerse gratuitamente con eles.
A iniciativa estará en marcha os venres do verán en horario de 9.00 a 14.00 horas, ao considerar que "nesta data aproveitamos máis os días e adicamos máis tempo ao lecer".
Desde a biblioteca explican que buscan "dar unha segunda vida aos libros procedentes de expurgo, doazóns de particulares ou duplicados no noso fondo da biblioteca". O bibliotecario indica que antes de botalos ao contedor da reciclaxe, "queremos que se sigan utilizando".
Trátase de clásicos, novelas e literatura infantil e xuvenil que, en caso de non lograr acollida, poderían ter como destino a reciclaxe.