Ángel Luis Pujante Álvarez-Castellanos é catedrático emérito de Filoloxía Inglesa da Universidade de Murcia. Está entre os máis reputados expertos nacionais e internacionais sobre Shakespeare.
Esta semana tomouse coa súa muller uns días de descanso para revisitar a Galicia que percorreron xuntos hai unhas décadas. Coméntanos no 'Cara a cara' a transformación urbana que atopou en Pontevedra e que visitou por primeira vez por suxerencia dun amigo: Gonzalo Torrente Ballester.
"Antes de ser profesor universitario fun catedrático de instituto. Era moi novo, saquei a cátedra e elixín Salamanca. Deu a casualidade que Torrente Ballester quixera reincorporarse á súa cátedra, elixiu Salamanca e coincidimos no mesmo instituto", lembra e engade: "era unha persoa que unha vez que che coñecía, se vía que podía facer boas faragullas contigo era un excelente amigo. Non podo dicir outra cousa. A relación non só foi co escritor, tamén coa familia, creo que case todos os fillos foron alumnos meus de inglés".
'Una partida de ajedrez' de Ángel Pujante, publicado pola Universidade de Murcia en 1983, está prologado polo escritor e profesor ferrolán.
Pujante é tamén Premio Nacional de Tradución en 1998 por 'La tempestad'. Un fito da súa traxectoria profesional que está vinculado a esta cidade xa que foi un galardón que recibiu no Parador de Pontevedra. "Todos os premios de literatura dese ano entregáronse aquí en Pontevedra, no Parador, porque ao parecer Rajoy así o quixo, ou polo menos é o que el me dixo", coméntanos no programa.
Falamos do seu vínculo ao dramaturgo inglés, das súas publicacións, investigacións e traducións, de Shakespeare e Cervantes... que se pode escoitar ao completo nesta ligazón que se adxunta e tamén descargar desde a web de PontevedraViva Radio.