Poio segue apostando polo teatro afeccionado
Por Redacción
A organización do Ciclo de Teatro PoioEscena manterase, tras ser apoiado pola comisión de Cultura, ao longo deste ano 2014. Nesta ocasión, preséntase unha programación dividida en dous semestres con doce representacións de grupos afeccionados tanto pertencentes ao concello coma procedentes doutras localidades.
A concelleira de Cultura, Silvia Díaz, presentou a proposta ante a comisión de Cultura que votou de xeito unánime a permanencia desta actividade que leva desenvolvéndose cinco anos no concello de Poio e que contará, este ano, cun orzamento de 1.500 euros. Na última edición, o ciclo ampliábase e pasaba de celebrarse só no mes de novembro a contar cunha programación anual que se ofrece os últimos venres de cada mes nas parroquias de Raxó, Samieira e Combarro.
As asociacións organizadoras, SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro viñeron coordinándose co Concello para ofrecer este ciclo teatral de temática e de xénero variado, a un prezo que vai dende os 0,50 céntimos aos 3 euros. Con estes cartos contribúese aos custos de desprazamento e montaxe dos grupos afeccionados. A asistencia media aos espectáculos durante 2013 foi de 70 persoas por obra.
Nesta nova edición contarase con dous novos grupos nacidos en Poio: o grupo Miúdo de Samieira e o grupo Armadiña de Combarro, ademais da agrupación Lúa Chea de Benestar Social, que ten participou en anteriores edicións.
O programa completo para cada semestre poderase consultar a través da axenda cultural da páxina web municipal do Concello de Poio ou nos Facebook de Cultura e PoioEscena.