PoioEscena 2013 chega á súa fin coa adaptación de "Soños dun seductor", de Woody Allen
Por Redacción
O ciclo de teatro PoioEscena 2013 chega á súa fin. Será o vindeiro venres 20 de decembro, ás 21.00 horas, na Comunidade de Montes de Combarro. A última obra que se representará é a adaptación á escena dun clásico do cine: Soños dun seductor, de Woody Allen, reinterpretada pola compañía de teatro Tolemia. Ademais, a última sesión do ano contará con sorpresas e música para poñer o broche de ouro ao ciclo.
A partir de aí só quedará poñerse a traballar de cara ao ano que ven. Na reunión mantida entre os coorganizadores deste programa anual de teatro afeccionado, as asociacións SCD Raxó, SCD Samieira, ACDeM Armadiña de Combarro, e a concellaría de Cultura do Concello de Poio, valorouse moi positivamente o desenvolvemento da programación do 2013, na que se puxo en escena unha obra de teatro ao mes, catro por parroquia, de diversos estilos e temáticas.
O éxito acadado, cunha grande afluencia de público en todas as representacións, é un dos factores que animou aos organizadores a darlle continuidade á iniciativa, que comezou xa no ano 2010 aínda que cunha proposta máis modesta. O programa PoioEscena 2014 que se presentará a principios do vindeiro ano, manterá a estrutura actual e ademais incluirá algunhas novidades.
En todo caso, desde o Concello de Poio apóstase por manter o apoio ao teatro no municipio pola súa potencialidade para desenvolver a expresión artística e persoal, e ser un vehículo de comunicación e un espazo de encontro para a veciñanza.
Asemade, a concelleira de Cultura, Silvia Díaz, tamén salientou a creación de dous novos grupos de teatro neste ano: o Grupo Miúdo de teatro infantil que leva a cabo na Casa do Pobo a SCD Samieira e que xa estreou en xullo, e o grupo de teatro de adultos que botou a andar en Combarro a ACDeM Armadiña. Ambas únense ao grupo de teatro Lúa Chea da Casa Rosada, que conta xa cun longo percorrido.