O alumnado de Belas Artes presenta dúas exposicións en torno á pintura e o gravado
Por Redacción
Despois de que as convocatorias abertas no presente curso para a adxudicación da cafetaría da facultade quedasen desertas, desde o Decanato de Belas Artes acometeuse o acondicionamento do espazo que ocupaba este servizo co propósito de destinalo temporalmente á organización de exposicións e actividades por parte do alumnado.
Naceu así 'O Abrigo', que este luns estreaba a súa quinta exposición, promovida polos estudantes Lidia Amado, Manuel Balsas e Raúl Ordóñez e o egresado da facultade Andrés Urbieta.
Ata o 28 de abril poderá visitarse neste espazo (In)conexos, mostra na que buscan "xerar un diálogo a través da reunión das nosas obras", xa que a pesar de que os seus traballos parten dunha "idea, un discurso e unha intención distintas", conflúen todas elas en torno "á exploración do espazo".
Por outra banda, preto de 80 gravados, realizados coas técnicas da augaforte e augatinta e que teñen como eixe temático o erotismo reúnense desde este martes na sala de exposicións da Casa das Campás.
Como explica a estudante Xulia Arias, que se encargou de articular esta mostra xunto con Patricia Táboas e Iñigo Barreiro, trátase dunha mostra que reúne unha escolma dos traballos realizados polo alumnado do Grao en Belas Artes no marco da materia Técnicas gráficas, que poderá visitarse ata o vindeiro martes 25.
Relacionadas:
-
Dez antigos estudantes da Facultade de Belas Artes expoñen os seus traballos en cómic
Por Redacción |
-
A 'revolución' da nova música galega, protagonista do undécimo Galegote Rock
Por Alejandro Espiño |
-
A paisaxe sonora nas cidades, protagonista na primeira xornada de Urbtopías
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Unha performance na praza de Ourense dá paso ao ciclo Danza Pontevedra
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez |
-
Un lobo anda solto pola Boa Vila
Por Oskar Viéitez |
-
Inaugurada a XXXIX Semana Galega de Filosofía coa arte como tema principal
Por Álvaro Arosa Barco |