Dez antigos estudantes da Facultade de Belas Artes expoñen os seus traballos en cómic
Por Redacción
Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto, Miguel Iglesias, Kiko da Silva e Alberto Vázquez, gañador de catro premios Goya, son os protagonistas da exposición que este venres se inauguraba na Sala Manuel Moldes da Facultade de Belas Artes baixo o título '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'.
Estes creativos e ilustradores formáronse na facultade pontevedresa e agora traballan profesionalmente no mundo da banda deseñada. A mostra, comisariada por Kiko da Silva, ofrece unha selección de traballos de todos estes autores e unha animación, ademais dunha serie de bosquexos que Alberto Vázquez realizou para a súa película de animación 'Psiconautas'.
A exposición permanecerá aberta ata o 29 de xuño e conta coa colaboración do Concello de Pontevedra.
Durante a súa intervención Kiko da Silva sinalou que presentar na facultade unha mostra destas características supón "un cambio" e lembrou que ao cómic lle custou moito ser recoñecido dentro do ámbito artístico.
Destacou que Ignacio Pérez-Jofre, novo coordinador da sala Manuel Moldes, aposte por unha proposta que ofreza traballos de creadores de cómic formados na propia facultade pontevedresa.
Ao acto inaugural asistían Eva María Lantarón, vicerreitora do campus, Carmen Foueces, concelleira de Cultura; Xosé Manuel Buxán, decano de Belas Artes; e Luís Torres, director da área adxunto á Vicerreitoría.
A facultade, indicou o decano, traballa actualmente na elaboración dun catálogo que ofreza un balance das exposicións realizadas ao longo dos últimos tres anos, baixo a coordinación da profesora Chelo Matesanz.