Músicos pontevedreses estrearán a ópera rock Bababum na terceira edición de 'Cancións por regalos'
Por Alejandro Espiño
En Surfing the Lérez, o festival celebrado en Pontevedra o pasado mes de xuño, coñecemos Bababum, un caderno de actividades para nenos escrito en galego, castelán e inglés que incluía un CD con grupos españois como Montañas, Aries, Wild Balbina ou Alex Casanova. Pero agora os seus impulsores van un paso máis aló. Pásanse do papel ao escenario cunha ópera rock infantil que se estreará este sábado 4 de xaneiro na Cidade da Cultura.
Será no transcurso da terceira edición de Cancións por regalos, unha mestura de música e solidariedade cun espectáculo para toda a familia. Para asistir non fai falta comprar entrada, xa que a entrada simbólica serán os agasallos que traian os asistentes, que serán destinados a nenos sen recursos, que poderán así gozar tamén dunha boa noite de Reis, segundo destacan desde a organización.
Conducida por Alberto Rolán, a ópera rock Bababum segue a historia de 'os cheiretas', un grupo de rapaces que pasan de tocar en cálea Príncipe a ser captados por unha multinacional discográfica.
Trátase dun espectáculo que combina teatro, audiovisual, deseño e música en directo a cargo dunha banda moi especial: Carlos Pereiro "Carlangas", guitarrista e cantante da banda Novedades Carmiña; Álex Casanova, á fronte dun proxecto en solitario que nos transporta á música electrónica tropical e os ritmos bailables, e Martiño Salgado, destacado músico de sesión á batería e ao ukelele.
Xunto a Bababum, Cancións por regalos inclúe tamén a actuación de Candela y Los Supremos. Candela é a nena indie que xunto aos seus pais -Los Supremos- está revolucionando o mundo da música con cancións tan divertidas como Avutarda, ser amiga tuya farda ou El desalojo del piojo. Todas elas inclúense no disco Animaladas, que acaba de saír á venda.
La Casa Azul, Anni B. Sweet, La Bien Querida, Manos de Topo, Klaus and Kinski,Wilco ou Black Keys son as súas influencias musicais. Tras pasar polo Primavera Sound, Matadero Madrid ou o Teatro Circo Price, Candela y Los Supremos chegan ao Gaiás para facernos pasar un bo intre en familia e por que non, botarnos unhas risas a golpe de guitarra.
Para redondear este Cancións por regalos, organizado entre outros por Ernie Producciones, Mel de Galicia e Craega ofrecerán desde as 16:00 horas unha merienda ecolóxica gratis con "maruxas de nata", doces, mel e leite.