Novos Cinemas inaugurará este martes a súa sétima edición coa estrea galega de 'Los Saldos'
Por Redacción
Novos Cinemas prepárase para inaugurar este martes a súa sétima edición, para as que xa están as entradas individuais (3 euros) e os abonos (18 euros) á venda a través de ataquilla.com.
O evento comezará, como cada ano, coa proxección das pezas do obradoiro que o festival leva en colaboración coa Universidade de Vigo. Acto seguido, ás 20.30 horas no mesmo espazo, terá lugar a apertura oficial do festival estreando en Galicia a primeira película de Raúl Capdevila: Los saldos (2022). Trátase dun documental de produción galega estreado mundialmente no prestixioso certame helvético Visions du Réel.
Paralelamente a todo isto e ao longo de toda a tarde desenvolverase o LAB de Novos Cinemas, que seleccionou nesta edición os futuros proxectos de Delfina Carlota, Elisa Celda, Carmen Pedrero e Sara Traba. As catro cineastas estarán titorizadas por un equipo formado pola socióloga, xestora cultural, docente, consultora e deseñadora de audiencias Isona Admetla; o cineasta Eloy Domínguez Serén; a coordinadora editorial e programadora de Filmin Elodie Mellado; e a produtora, performer e directora teatral Montse Triola.
PROGRAMACIÓN
A Sección Oficial da sétima edición do festival acolle esta vez nove longametraxes inéditas en Galicia -seis delas inéditas en España- que intentan ilustrar algúns dos posibles estadios do cinema contemporáneo desenvolvido polos cineastas Sorayos Prapapan, Miryam Charles, Agustina Pérez Rial, Tyler Taormina, Helena Wittmann, Bianca Lucas, Brent Chesanek, Brent Chesanek, Cyril Schäublin e Leonardo Mouramateus.
Na Sección Latexos acollerá as últimas creacións de Malena Solarz, Carlos Pardo Ros, Ione Atenea e Amat Vallmajor del Pozo.
Alén disto, a sección 'Por primeira ou última vez', coa súa intención de recuperar e reivindicar obras capitais da historia do cinema, corre nesta edición a cargo de Elena Oroz. A investigadora e docente seleccionou un dos títulos míticos do cinema independente estadounidense dos anos 90, The Watermelon Woman (1996), da cineasta e militante afroamericana Cheryl Dunye.
A colaboración do festival co Institut français cinéma, IFcinèma fai posible tamén a proxección da longametraxe 'A colina onde ruxen as leonas' (La Colline où rugissent les lionnes), de Luàna Bajrami, para alumnado da ESO e Bacharelato. A sección AULA complétase coa volta ás escolas con Na Clase e as proxeccións no Teatro Principal; o Encontro entre un cineasta galego, Xacio Baño, e o alumnado de estudos artísticos da cidade; e un obradoiro para nenos e nenas arredor da figura de Tim Burton.
Continua tamén a colaboración de Novos Cinemas coa ECAM, Escuela de Cinematografía y del Audiovisual de Madrid. O sonidista e docente Alberto Carlassare, responsable do deseño sonoro dalgúns dos filmes máis relevantes do cinema español recente, impartirá un obradoiro no que reflexionará sobre o rol do son na construción da narrativa audiovisual contemporánea.
FOCO E ENCONTROS
A cineasta, guionista e produtora Susana Nobre, visitará Pontevedra como protagonista da sección FOCO. Ademais de presentar os seus filmes, a realizadora lisboeta manterá un encontro aberto ao público no que afondará nos factores que condicionan unha obra que denota a súa capacidade para transcender códigos xenéricos coa fin de retratar diversos itinerarios da existencia contemporánea.
Ademais, o público poderá achegarse aos procesos de ideación e creación de Andrés Sanjurjo e Zeltia Outeriño, cineastas galegos cuxos proxectos foron seleccionados e asesorados polo LAB do festival en pasadas edicións.
O festival tamén contará coa presenza da ESMAD, Escola Superior de Media Artes e Design, un dos centros de educación e formación audiovisual máis importantes de Portugal. José Quinta Ferreira, docente vencellado ao organigrama científico do centro, exporá as liñas mestras do seu programa académico. Alén disto, unha mesa sobre a creación e a produción cinematográfica independente, moderada pola equipa do festival, completará a oferta desta edición.
Relacionadas:
-
'Happer's Comet' leva o premio de mellor longametraxe do festival Novos Cinemas 2022
Por Redacción |
-
Seis días de cine en maiúsculas co inicio en Pontevedra de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
RADIO.- O director da curta 'Rompente', preseleccionada para os Goya 2023, será titor na próxima edición de Novos Cinemas
Por Marisa Ciordia |
-
A edición 07 de Novos Cinemas estreará en España seis das nove películas da súa sección oficial
Por Alejandro Espiño |
-
Catro novas cineastas, protagonistas do LAB de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
"Los saldos" de Raúl Capdevila estreará o sétimo Novos Cinemas, que dedicará o seu foco á lisboeta Susana Nobre
Por Alejandro Espiño |