"Los saldos" de Raúl Capdevila estreará o sétimo Novos Cinemas, que dedicará o seu foco á lisboeta Susana Nobre
Por Alejandro Espiño
A cineasta lisboeta Susana Nobre será unha das grandes protagonistas da sétima edición de Novos Cinemas, o Festival Internacional de Cine de Pontevedra, que se celebrará entre os días 13 e 18 de decembro.
Será o primeiro monográfico dedicado á obra cinematográfica desta realizadora, guionista e produtora. No marco do festival poderanse ver varios dos seus filmes como O que pode um rosto (2003), Lisboa-Provincia (2010), Provas, Exorcismos (2015) ou No Táxi do Jack (2021).
A organización de Novos Cinemas destaca que a súa "é unha figura a reivindicar no efervescente panorama do cinema luso contemporáneo".
Autora de tres curtametraxes e cinco longametraxes, a realizadora compartirá cos asistentes a súa concepción do cinema e protagonizará un encontro aberto ao público no que falará da evolución da súa obra e amosará imaxes inéditas da súa última película, Cidade Rabat.
O cineasta aragonés Raúl Capdevila, pola súa banda, inaugurará o festival o próximo 13 de decembro estreando en Galicia Los saldos (2022), a súa primeira longametraxe.
Na película, José Ramón Capdevila, o último de tres xeracións de labregos e gandeiros, recibe a noticia de que o seu fillo Raúl vai volver á casa despois de non atopar traballo na cidade.
Coa esperanza de encontrar algo mellor, ambos volven traballar xuntos na granxa, ao tempo que, na vila, se anuncia o desembarco do Grupo Pini, importante empresa do sector cárnico que quere construír un enorme matadoiro.
A sesión de clausura de Novos Cinemas, o día 18 de decembro, correrá a cargo do cineasta arxentino Santiago Fillol, que virá a Pontevedra para presentar Matadero (2022), unha obra intensa sobre a loita de clases durante a rodaxe dun documental na Pampa no 1974.
Relacionadas:
-
Seis días de cine en maiúsculas co inicio en Pontevedra de Novos Cinemas
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Novos Cinemas inaugurará este martes a súa sétima edición coa estrea galega de 'Los Saldos'
Por Redacción |
-
A edición 07 de Novos Cinemas estreará en España seis das nove películas da súa sección oficial
Por Alejandro Espiño |
-
Catro novas cineastas, protagonistas do LAB de Novos Cinemas
Por Redacción |
-
Os Rías Baixas Film Fest avanzan cara a internacionalización neste 2022
Por Redacción |