Máis dun cento de expositores e actividades xa está abertas ao público en Culturgal
A quince edición da feira da industrias culturais de Galicia, Culturgal, abría as súas portas ao público este venres 25 de novembro co lema '15 anos cos fíos da cultura'.
Un día antes, o xoves 24, estreábase a feira cunha xornada profesional de encontros de negocios entre os representantes das empresas culturais e máis dunha vintena de programadores de Galicia e do norte de Portugal.
No acto oficial de apertura de Culturgal 2022 interviron o presidente de Culturgal, Víctor López, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, coa presenza de representantes de todos os eidos e institucións vencelladas coa cultura de Galicia.
Víctor López destacaba a presenza de 115 expositores, "como unha escolma da potencia creadora galega", e as máis de cen actividades que se van desenvolver durante toda a fin de semana no Recinto Feiral. O presidente de Culturgal subliñaba un dos obexctivos desta feira que é "reivindicar o traballo dos creadores de cultura para que poidan vivir dignamente e reciban un pago xusto pola súa obra".
Carme Fouces reiteraba a aposta do Concello de Pontevedra como anfitrión desde 2007 de Culturgal e o compromiso de cara á seguinte edición de revisar o orzamento, para poder aumentar as achegas do consistorio pontevedrés e negociar coa Xunta para que tamén incremente a partida destinada á feira.
A partir da pregunta "que sería deste país sen cultura galega?", a concelleira de Cultura louvaba o papel desta feira pola "innovación que somos capaces de despregar en stands cheos de cultura e creatividade". Fouces manifestaba o compromiso do seu departamento que neste momento mira tanto as grandes manifestacións culturais como a arte menos apoiada. En concreto, referíase á danza: "impulsar a danza é necesario e por isodende o Concello impulsamos o primeiro ciclo de danza para o ano que vén".
O conselleiro de Cultura enfocaba o seu discurso na idea de que Culturgal é "cultura e tamén economía". Neste sentido, Román Rodríguez achegaba datos tirados do Observatorio do Consello da Cultura Galega que revelan que aproximadamente existen 35.400 empregos en Galicia vencellados á cultura. O sector está a experimentar un auxe tras os anos difíciles da pandemia. Deste xeito, na primeira metade de 2022, e en comparación co mesmo período de 2021, houbo 1.400 novas afiliacións á Seguridade Social relacionadas co sector cultural e creáronse máis de cen empresas novas. Así mesmo, o consumo nos fogares galegos de produtos culturais aumentou nun 62 %.
Culturgal é un modelo de colaboración público-privada e conta co patrocinio institucional estable da Xunta de Galicia, o Concello de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra. Toda a programación de Culturgal 2022 pódese consultar na seguinte ligazón: www.culturgal.com/programa
Apertura de Culturgal 2022
Culturgal 2022 abría as súas portas ao público este venres 25 de novembro. O presidente de Culturgal, Víctor López, a concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, inauguraban no Recinto Feiral a quince edición desta feira das industrias culturais de Galicia.
© Mónica Patxot
Relacionadas:
-
Cuntis, Moraña e A Illa, nun proxecto piloto para loitar contra a fenda dixital e a soidade
Por Redacción & Natalia Puga |
-
Culturgal avanza as accións do Centro Dramático Galego nunha decena de países
Por Redacción |
-
"Cultura cos pés na terra", está é a programación cultural para 2023 da Deputación
Por Redacción |
-
Noite grande na Culturgal cos novos talentos da música galega
Por Redacción |
-
Culturgal, o evento único que reúne ao sector cultural e aos seus públicos
Por Redacción |
-
Culturgal reúne na súa xornada de apertura máis de 70 profesionais escénicos e musicais de Galicia e Portugal
Por Redacción |
-
115 expositores dinamizarán o Recinto Feiral do Pazo na 15 edición do Culturgal
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A estrea de "O corpo aberto", o gran atractivo do programa de cine do Culturgal
Por Alejandro Espiño |