O Ateneo organiza unha conferencia e un recital musical sobre Voces Ceibes
Por Oskar Viéitez
Este venres 18 de noviembre, ás 20:00 horas, no Teatro Principal de Pontevedra o Ateneo organiza o acto titulado "A nova canción galega: do folk á tendencia", consistente nunha conferencia e nun recital musical sobre Voces Ceibes. A entrada é libre ata completar capacidade.
Segundo explicaron este mércores en rolda de prensa o concelleiro de Memoria e Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda e o presidente do Ateneo de Pontevedra, Xaime Toxo, a conferencia, a cargo de Vicente Araguas, analizará o movemento Voces Ceibes: como e onde xorde, quen foron os compoñentes e os fitos que marcaron a evolución dos membros como colectivo e como cantantes á marxe xa dunha concepción de agrupamento.
O relatorio acompañarase dun recital musical de Miro Casabella, onde se interpretarán distintos temas dos integrantes de Voces Ceibes e outros da súa autoría.
DO ACTO
A morte hai un ano de Xerardo Moscoso en México sitúano diante da vida dunha persoa represaliada e exiliada nos epílogos da Ditadura franquista. Xerardo foi un dos fundadores do movemento Voces Ceibes, unha fornada de mozos cantantes que se servían da canción para opoñerse ao réxime golpista e antidemocrático do xeneral Franco.
Xaime Toxo comentou que o Ateneo pretende con este acto, non só homenaxear a figura de Xerardo Moscoso e ao movemento Voces Ceibes, senón, e ao mesmo tempo, contextualizalo nun marco de militancia política clandestina, vivido nun país sometido e nunha cidade como Pontevedra que sufrira unha brutal represión, que non chegara a recuperarse dos anos máis duros e inclementes da vitoria dos golpistas, e que pasados os anos lle había de custar a Xerardo Moscoso ameazas de morte e exilio.
Voces Ceibes foi un colectivo musical que desenvolveu a súa actividade entre 1968 e 1974, integrado por un grupo de cantantes dedicados á canción social e de protesta en lingua galega.