Tanxugueiras, tras a súa foliada na Festa do Marisco: "Imos a levar este concerto no corazón para sempre"
Por Alejandro Espiño
Este 2022 está a ser, sen dúbida, o ano de Tanxugueiras. Alá por onde pasan, arrasan. E O Grove non foi unha excepción. O seu, ademais do máis esperado, converteuse de longo no concerto máis multitudinario da Festa do Marisco.
Desde as primeiras notas, aínda sen Aida, Olaia e Sabela sobre o escenario da Praza do Corgo, soaron xa os aplausos e os berros de xúbilo dos espectadores, desexosos de entregarse con todo a súa alma á foliada que o trío de 'cantareiras' despregou no Grove.
"Imos a levar este concerto no corazón para sempre", sinalou a primeira delas -que levou a voz cantante no seu diálogo co público, ao final dun concerto ao que chegaron, segundo recoñeceron, "moi cansas". O apoio dos seus fans, engadiron, "foi enchéndonos de enerxía".
Arica, un dos temas de Diluvio, o seu último disco, foi a canción elixida por Tanxugueiras para presentarse ante os seus seguidores no Grove, ás que seguiron, acompañadas das palmas do público, outras como Desidia, Averno, Perfidia ou Albedrío.
Antes destas dúas últimas, as primeiras que soaron do álbum Contrapunto, as tres integrantes da banda quixeron dedicarlle un aplauso a "dous musicazos que soan como cincocentos", Isaac Palacín e Iago Pita, que as acompañan sobre o escenario nesta xira.
Tras este primeiro tramo de concerto chegou o que Aída Tarrío definiu como a "parte máis importante do concerto", o repertorio máis tradicional de Tanxugueiras. "É a cultura que levamos no corazón", subliñou, "e a parte que máis gusta tanto aquí como fóra".
Así, practicamente a capela e facendo soar só as súas pandeiretas, chegaron O querer, Hermilláns e Desposorio, tres temas nos que a ausencia de música fai brillar aínda máis as voces das tres artistas, compasadas como unha soa cal aquelarre sonoro.
Pano corado, o tema que dedican á defensa dos dereitos LGTBIQ+ e co que acabaron gritando que "estamos cansas de homofobia", foi o arranque da parte con maior ritmo do concerto e co que animaron ao público para "entrar no flow das Tanxugueiras".
Unha tras outra soaron as cancións que converteron ás 'cantareiras' nun fenómeno de masas en todo o país, Midas, Fame de odio, Malquerenza ou Seghadoras, coa que defenderon ser "mulleres bravas, empoderadas e libres" para seguir o seu propio camiño.
"Para nós poder estar aqui coa nosa música e a nosa cultura e que todos nos deades tanto amor é algo incrible", sentenciaron as tres despois de emocionarse e terminar abrazadas tras cantar Cambia todo, o tema que interpretan co cantante e poeta coñecido como Mordo.
Para o final quedaron Figa, o tema que lles abriu a porta do público nacional, e Terra, convertida xa en todo un himno "polas diferentes culturas e linguas" do país. E, parafraseando a esta última, Tanxugueiras advertiron que "vimos para quedar". Que sexa por moitos anos.
NOITE DE FOLIADA EN FEMININO
Antes de Tanxugueiras, xa cunha Praza do Corgo na que apenas cabía un alfinete, subiu ao escenario a agrupación local 5 en zocas, cunha proposta de música tradicional que completou unha noite de foliada en feminino que, segundo o alcalde do Grove, José Cacabelos, "permanecerá na memoria de todos preséntesvos durante moito tempo".
Relacionadas:
-
Tanxugueiras e Trece Amarillo, unha 'simbiose' que renova o seu éxito con "Aire"
Por Alejandro Espiño |
-
O Grove remata a Festa do Marisco batendo o récord de facturación con 889.288 euros
Por Redacción |
-
Unha fin de semana de récord na Festa do Marisco
Por Redacción |
-
Xoel López, cómplice do "éxito rotundo" de asistencia este sábado na Festa do Marisco
Por Redacción |
-
O Grove inaugura a edición número 59 da Festa do Marisco
Por Redacción |