'Musicantes' protagoniza unha nova xornada de 'Noites de Música Antiga' nas Ruínas de San Domingos
Por Redacción
As Ruínas de San Domingos acollerán este venres 15 unha nova sesión do ciclo ‘Noites de Música Antiga’ do Museo de Pontevedra a cargo da agrupación ‘Musicantes’, que actuará ás 21.00 horas con entrada gratuíta ata completar aforo interpretando varias pezas de orixe medieval.
O programa do concerto, titulado ‘Sones medievais. Un percorrido pola música da vella Europa Medieval', incorpora un paseo por Francia, con pezas como 'Douce Dame Jolie', de Guillaume de Machaut (século XIV), 'L'Autrier just una Sebissa', de Marcabrú (s.XII), 'Ce fut en mai', de Moniot D'Arras (s.XIII); e 'Danse' (s.XIII).
De España interpretarase 'Ductia (CSM 248-353)’' e 'Santa María Strela do día (CSM 100)', 'A que por muy gran fermosura (CSM 384)', 'Sen calar nen tardar (CSM 380)', de Alfonso X o Sabio (s.XIII, Cantiga de Santa María), e 'Durme', 'Avrix mi galanica' e 'Rahelica Baila'.
Ademais de Italia está previsto interpretar 'Lamento de Tristano-Rotta' e 'Danza Amorosa e Trott’o', e de Hungría 'Ungarischer Tan' (s.XIII).
Os instrumentos que se utilizarán no recital son reproducións de instrumentos da época como a cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou a zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía e fídula.