‘La Liaison’ e ‘Musicantes’ amenizarán as noites de xullo nas Ruínas de San Domingos
Por Redacción
As Ruínas de San Domingos acollerán este vindeiro mes de xullo unha nova edición do ciclo ‘Noites de Música Antiga’ organizado polo Museo de Pontevedra dende 2009.
Abre o ciclo o venres día 8 de xullo ás 21:00 horas o grupo ‘La Liaison’, integrado por Sergio Heredia Cegarra (violín barroco), Arquímedes Artal Moreno (viola de gamba) e Marta López Fernández (clave).
As creacións que interpretarán buscan combinar os matices máis delicados e as articulacións máis refinadas cunha gran flexibilidade dinámica e unha gran potencia expresiva, e recrean o que puido ser a atmosfera sonora da música de cámara no Barroco.
O grupo especializouse nas mellores escolas europeas cos intérpretes de máis fama dos seus respectivos instrumentos, e ten xa unha recoñecida traxectoria con diversas formacións dedicadas á música antiga.
O venres 15 de xullo tamén ás 21:00 horas será a quenda da formación ‘Musicantes’, agrupación na que os seus membros buscan profundizar no estudo e interpretación da música medieval.
Os instrumentos utilizados (cítola, laúde medieval, guiterna, laúde árabe, rabel, salterio, chicotén, viola de roda ou zanfona, percusión, frautas, gaitas, chirimía, viola e fídula) son reproducións de instrumentos da época, inspirados na iconografía existente no estado.
Os seus compoñentes contan cunha profunda experiencia no campo da música antiga, colaborando con agrupacións como o Grupo Nuba, Eduardo Paniagua, Kaléndula, Colegium Vocale de Madrid, Judit Cohen, Angel Carril, Eliseo Parra ou Klezmer Sefardí, entre outros.
O seu repertorio abarca desde o século XIII ao XV (música monódica da Idade Media, polifonía do Ars Nova e comezo do Renacemento) e está formado por Cantigas de Santa María, Llibre Vermell de Monserrat, danzas francesas, inglesas e italianas, estampidas, saltarellos, queixumes, música sefardí e andalusí.
Ambos dous concertos serán de entrada libre ata completar cabida.
Relacionadas:
-
'Musicantes' protagoniza unha nova xornada de 'Noites de Música Antiga' nas Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
'Noites de música antiga', de volta ás Ruínas de San Domingo
Por Redacción |
-
Noites de Música Antiga nas Ruínas de San Domingos
Por Redacción |
-
"Noites de música antiga" cambia as Ruínas de San Domingos polo Sexto Edificio do Museo
Por Redacción |