Roi Casal recupera este venres 15 de xullo o seu concerto aprazado en Cerdedo
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro e a concelleira Belén Casado presentaron o concerto de Roi Casal, 'Son galego, Son cubano', que terá lugar este venres ás 22:30 horas na Praza do Concello, en Cerdedo.
Trátase dun recital que estaba previsto pata o día de San Xoán pero que tivo que ser aprazado pola choiva.
O espectáculo musical de Roi Casal chega a Cerdedo a través da colaboración entre o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Xunta de Galicia a través da Rede de Dinamización Lingüística que busca homenaxear aos emigrantes galegos que, desde Cuba, axudaron a conformar a identidade galega dándolle protagonismo aos textos do escritor Xosé Neira Vilas.
"A emigración galega está moi presente nos nosos corazóns e no noso sentimento e non poderiamos entender Galicia sen o fenómeno da emigración do mesmo xeito que os nosos emigrantes, auténticos puntas de lanza da Galicia Universal sinten como ninguén o amor pola nosa terra. Froito deste irmandamento natural xorden estes ritmos acrisolados por Roi Casal que fan deste espectáculo musical un momento único. Ninguén debería deixar pasar a oportunidade de asistir a este concerto para comprender mellor a alma galega e cubana", explicou na presentación sobre o concerto o alcalde, Jorge Cubela.