As Letras Galegas 2023 estarán dedicadas a Francisco Fernández del Riego
Por Redacción
Francisco Fernández del Riego, unha das figuras centrais do galeguismo progresista e clave na resistencia no exilio interior, será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023. Así o acordou o pleno da Real Academia Galega.
Coincidindo co sesenta aniversario do primeiro Día das Letras Galegas, do que foi inspirador, vaise a homenaxear a este "loitador cultural incansable", como o define a academia, un dos membros da nova xeración de intelectuais que lle deron continuidade ao ideario do Grupo Nós.
Natural de Vilanova de Lourenzá (Lugo), onde naceu en 1913, durante a súa traxectoria chegou a se converter nunha auténtica institución do país, respectado por todos e aberto ás diversas manifestacións do galeguismo.
A súa traxectoria polifacética e prolífica abrangueu dende a política, a creación e crítica literaria á edición. A comezos dos anos 50 foi un dos fundadores da Editorial Galaxia, empresa que desempeñou un papel central na resistencia cultural de Galicia durante o franquismo.
Na última etapa da vida presidiu a Real Academia Galega, entre os anos 1997 e 2001.
Fóra das aulas, foi membro do Partido Galeguista, secretario xeral da Federación de Mocidades Galeguista e, posteriormente, parte do Seminario de Estudos Galegos.
A súa obra escrita, que tocou case todos os xéneros, foi inmensa, comezando polas súas colaboracións en practicamente todos os xornais de Galicia e nas revistas máis representativas do interior e da diáspora. O seu número, aínda sen catalogar, supera o milleiro de artigos.
Participou en numerosos libros, propios ou colectivos, nos que acotío asinaba cos pseudónimos Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Adrián Solovio ou Adrián Soutelo.
No eido do ensaio, case sempre sobre a produción literaria galega, asinou, entre outros títulos, Galicia no espello (1954), Historia de la literatura gallega (1951), Escolma de poesía galega. Os contemporáneos (1955), Escolma de poesía galega. O século XIX (1957), Letras do noso tempo (1974), Diccionario de escritores galegos (1990) ou Sinais dunha cultura (2003).
A literatura de viaxes é outro xénero que cultivou en volumes como As peregrinacións xacobeas (1983), A pegada das viaxes (2000), Portugal norteño (2000), a serie Vigo, Pontevedra, Ourense e A Coruña, sentimental (2001-2003) e Lourenzá (2004).
Escribiu, así mesmo, monografías sobre diversos autores da cultura galega, como A xeración Galaxia (1996), O señor da Casa Grande de Cima de Vila (1988), Antolín Faraldo, o gran soñador (1998), Con Pondal en Bergantiños (2001) ou O Padre Sarmiento e Galicia (2002), e a novela O cego de Pumardedón (1992). Cun carácter autobiográfico, cómpre nomear O río do tempo. Unha historia vivida (1990) e Camiño andado: memorias (2003).
Relacionadas:
-
O Museo conmemora as Letras Galegas con obradoiros escolares e unha visita guiada
Por Redacción |
-
RADIO.- Usas alfábega? Impresiónanche as escoadas?... Se non o entendes, recorre ao dicionario da RAG
Por Redacción |
-
A Real Academia Galega estrea en Moraña 'A orixe da nosa lingua guapa'
Por Redacción |