Unha mostra de arte rupestre do Museo Arqueolóxico Nacional recala en Pontevedra
Por Redacción
O Museo de Pontevedra abrirá o vindeiro xoves 14 a exposición 'Arte prehistórica. Da rocha ao museo', unha homenaxe á arte rupestre da man do Museo Arqueolóxico Nacional (MAN).
A mostra conmemora o centenario da exposición 'Arte prehistórica española de 1921', un fito fundamental para o coñecemento e a difusión da arte prehistórica, e supón un percorrido polas formas de exposición da arte rupestre que fai reflexionar sobre as súas posibilidades de contextualización nos museos.
A exposición temporal chega a Pontevedra tras a súa exhibición no MAN en Madrid durante catro meses, no Museo de Altamira, e en Portugal, sendo organizada polo Ministerio de Cultura e Deporte e Acción Cultural Española, co apoio de Bolsas e Mercados Españois e a Asociación Cultural de Amigos e Protectores do MAN.
O proxecto inspírase na mostra que en 1921 a Sociedade Española de Amigos da Arte dedicou á arte prehistórica española e expón, fundamentalmente a través do exemplo do propio MAN, unha reflexión sobre a entrada da arte rupestre prehistórica nos museos e as súas formas de exposición.
No seu momento, a exposición 'Arte prehistórica española', celebrada hai agora 100 anos, constituíu o inicio da difusión a gran escala da arte máis antigo creado polos seres humanos, reunindo dúas décadas de traballo de documentación e estudo.
Unha das primeiras consecuencias desa mostra foi a entrada da arte prehistórica nos museos, primeiro a través de representacións pictóricas que co tempo evolucionarían a fórmulas máis complexas, procurando a inmersión das persoas espectadoras no ambiente no que esa arte foi creada.
A actual exposición conta con máis de 250 pezas procedentes das coleccións do MAN e doutras institucións como o Museo do Traxe e o Museo de Arte Moderna e Contemporánea de Santander. Entre elas, o público pode contemplar lenzos que reproducen algunhas das imaxes máis representativas da arte rupestre española, expostos por primeira vez en 70 anos, así como ferramentas, ídolos, obxectos cerámicos ou gravados, procedentes do contexto arqueolóxico das devanditas pinturas.
No seu percorrido a través de diferentes seccións, o visitante poderá coñecer as orixes do estudo da arte prehistórica e rupestre, xurdida polo interese que suscitaron descubrimentos como os da Cova de Altamira.
'Arte prehistórica. Da rocha ao museo' poderá visitarse no Museo de Pontevedra dende o xoves 14 de xullo ata o 9 de outubro. Contará con visitas guiadas e actividades complementarias.
Relacionadas:
-
O Edificio Castelao acollerá dúas actividades sobre arte rupestre dirixidas a escolares e familias
Por Redacción |
-
Comida prehistórica e concurso de disfraces para reivindicar que Campo Lameiro é a capital da arte rupestre
Por Redacción |
-
O Museo reclama a inclusión dos petróglifos máis destacados na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO
Por Oskar Viéitez |
-
O Museo centra os seus talleres infantís de verán nas mulleres artistas, Galicia e a arte rupestre
Por Redacción |
-
Unha conferencia para descubrir detalles sobre o Tesouro de Caldas
Por Redacción |
-
O Museo celebra o Día Europeo da arte Rupestre con charlas e obradoiros temáticos
Por Redacción |