Presentan en Carballedo unha recompilación de textos de Antonio Fraguas sobre Cotobade
Por Redacción
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade; Clodio González Pérez, etnógrafo e historiador; e Francisco Javier Sanjiao Otero, secretario do Museo do Pobo Galego e da Fundación Antonio Fraguas, presentarán este xoves ás 19 horas no Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas, en Carballedo, o libro “Na lembranza dos veciños. Dispersos de Antonio Fraguas Fraguas sobre as Terras de Cotobade”.
Este libro recompila artigos e traballos realizados por Antonio Fraguas para recuperar do esquecemento o patrimonio inmaterial que naquel momento vivía na lembranza colectiva dos veciños e veciñas de Cotobade, precisamente, expresión usada no artigo sobre o lobo nestas terras que se escolleu como título desta escolma.
O alcalde, Jorge Cubela, amosou a súa satisfacción porque se faga unha presentación pública deste libro e que teña acceso a veciñanza xa que é un acto máis para ensalzar a figura de Antonio Fraguas e un recoñecemento ao traballo dunha persoa que no ano 2019 foi acreedor dunha homenaxe que percorreu toda Galicia ao dedicárselle o Día das Letras Galegas.
O libro é unha antoloxía de traballos de Antonio Fraguas orixinalmente publicados en revistas e actas de congresos dedicados exclusivamente ás terras de Cotobade ou nos que gran parte da información procede deste territorio. Excluíronse aquelas que son accesibles, en especial por seren reeditadas cando se lle adicou o Día das Letras Galegas en 2019, monografías editadas en libro, e outros artigos publicados en xornais e revistas, de carácter sobre todo divulgativo.
Relacionadas:
-
O I Encontro Tradicional Antonio Fraguas renderá homenaxe ás escolas de danza e gaitas de Carballedo
Por Redacción |
-
O labor de Antonio Fraguas de se mergullar na lembranza colectiva de Cotobade amósase nunha publicación
Por Redacción |
-
Inauguran en Cerdedo-Cotobade a mostra "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |
-
O Centro Cultural "Antonio Fraguas" recibe a exposición "Pontevedra e América. Unha mirada en feminino"
Por Redacción |