A conversa entre Manuela Carmena e Ramón Villares cae da axenda do 'Cidade de libro' por enfermidade da ex alcaldesa de Madrid
Por Redacción
A indisposición temporal por covid de Manuela Carmena impídelle estar presente este mércores no 'Vilagarcía, Cidade de Libro', tal como estaba previsto.
En consecuencia, a 'Conversa ao Solpor' que a ex alcaldesa de Madrid ía manter con Ramón Villares cae da axenda, sendo este e a sinatura de libros por parte destes dous autores os únicos cambios que se producirán no programa do mércores 15 de xuño.
O Concello de Vilagarcía asegura que "o encontro celebrarase tan pronto como sexa posible, aínda que sexa fora do marco da feira literaria".
Quitando este imprevisto de última hora, o 'Vilagarcía, Cidade de Libro' continuará co resto da axenda que estaba prevista. As casetas da feira do libro abrirán ás súas portas en horario de mañá e de tarde e as visitas programadas cos centros escolares continuará durante toda a mañá cos xogos e xincanas do 'Literatour'.
Unha das presentacións de libros previstas para a tarde é a de Paula Carballeira, que presentará o seu libro "A pantasma da illa de Cortegada" no incomparable marco da propia illa integrada no Parque Nacional das Illas Atlánticas.
De regreso ao Parque Miguel Hernández, ás 18.00 horas no espazo 'Falemos do Meu Libro', o xornalista e escritor Alberto Avendaño presentará dúas das súas últimas obras: "Caosmos", o libro ilustrado por Antón Patiño, e "Maasai", unha novela sobre o amor, a guerra e a maxia deste ancestral e orgulloso pobo africano.
Tamén ás 18.00 horas, no escenario do 'Recuncho dos Contos' representarase "Un carteiro en bicicleta", un contacontos ao son da cantiga do mesmo nome de Joao Alonso.
E unha hora despois, ás 19.00 horas, o escenario infantil do Miguel Hernández acollerá a representación de "Quixote", un espectáculo que afronta a obra de Cervantes en clave de comedia.
A axenda do día rematará coa homenaxe a Domingo Villar, mediante a lectura doutro dos seus contos no escenario da Praza da II República.