Javier Cercas, Manuela Carmena ou Manuel Jabois, na segunda edición de Vilagarcía, cidade de libro
Por Redacción
Autores nacionais e galegos de primeira plana pasarán por Vilagarcía entre os días 13 e 19 de xuño para participar nunha nova edición da feira literaria Vilagarcía, cidade de libro. O epicentro será a Praza da II República.
Javier Cercas, Manuela Carmena, Manuel Jabois, Ledicia Costas, Ángel Martín, Marwan, Paula Carballeira, Ramón Villares ou Blue Jean, entre outros, serán algúns dos autores que presentarán os seus libros no marco desta feira.
O formato inclúe conversas entre escritores e público, postos de exposición e venta de libros, firmas dos autores, teatro, recitais, presentacións e roteiros literarios na illa de Cortegada, recitais e actividades de animación infantil
O evento incluirá unha sentida homenaxe literaria a Domingo Villar, un dos autores que participou na primeira edición do Vilagarcía, cidade de libro.
A feira conta cun intenso programa de actividades en horario de mañá e tarde que serán de balde e con libre acceso.
Cada día terá unha temática diferente, comezando pola poesía, xornada na que intervirán o premiado poeta e pintor vilagarcián Xurxo Alonso, xunto con Yolanda Castaño e o músico e autor de versos, Marwan. Ademais, o colectivo A Mesa das Verbas ofrecerá un recital.
Ademais, incluíuse un apartado para a literatura emocional. Aquí contarase coa participación de Ángel Martín, o popular presentador de televisión que vén de publicar un libro sobre a súa experiencia persoal coa depresión e a saúde de mental. Anxo Luxilde e Marcos Lorenzo completan a lista de autores da xornada.
O día dedicado á literatura política e social contará coa presenza de Manuela Carmena, ex xuíza e ex alcaldesa de Madrid, así como cos galegos Ramón Villares e Alberto Avendaño. A novela negra e de misterio, un dos subxéneros máis populares e vendidos, será outras das temáticas a tratar, na que repetirá Ledicia Costas, que xa participou na edición do ano pasado, e na que participará Diego Ameixeiras.
O público xuvenil tamén terá un día propio no que se contará coa presenza de autores como Blue Jean, Elena Gallego ou Eva Mejuto; e no apartado de multinarradores, aqueles que cultivan distintos xéneros, intervirán Javier Cercas, Emma Pedreira e Ángela Banzas.
O último día do Vilagarcía, cidade de libro será unha gran Festa das Letras, con actividades máis lúdicas e festivas que, en todo caso, gardarán relación coa literatura e os libros, como non podía ser doutro xeito.
O cartel de autores participantes na segunda edición da feira literaria de Vilagarcía complétase con Marcos Lorenzo, Bilal Taoré, Paula Carballeira ou Bea Gregores.
Relacionadas:
-
O músico e escritor Rayden, primeira confirmación para a terceira edición do Vilagarcía, Cidade de Libro
Por Redacción |
-
RADIO.- Juan Gómez Jurado engade outro título ao xénero "non podes parar": 'Todo arde'
Por Marisa Ciordia |
-
A conversa entre Manuela Carmena e Ramón Villares cae da axenda do 'Cidade de libro' por enfermidade da ex alcaldesa de Madrid
Por Redacción |