Dúas obras do Museo viaxan a Madrid na exposición itinerante ‘Foi un home. Laxeiro en América'
Por Redacción
Os óleos 'Chegada do rei Breogán a Galicia' (1954) e 'O espanto' (C.a. 1962), obra de José Otero Abeledo, máis coñecido como 'Laxeiro', trasladáronse durante os últimos días a Madrid para que formen parte da exposición itinerante 'Foi un home. Laxeiro en América (Bos Aires, 1950-1970', que permanecerá aberta ao público na Real Academia de Belas Artes de San Fernando entre o 22 de xuño e o 24 de xullo.
Estas dúas obras forman parte da colección do Museo e foron cedidas para a mostra que a Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e en colaboración co Concello de Lalín, organiza dentro do denominado 'Ano Laxeiro', despois de que a Real Academia Galega de Belas Artes decidise dedicar o Día das Artes neste 2022 ao pintor galego que alcanzou máis relevancia no século XX.
A exposición permaneceu inicialmente, ata o 5 de xuño, no Museo Ramón María Aller de Lalín para agora trasladarse a Madrid. Posteriormente poderase visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura en Compostela, entre o 29 de setembro e o 18 de decembro. En 2023 está previsto que a mostra se traslade ao Instituto Cervantes de París.
A exposición reúne 40 pezas procedentes de diversas institucións, entre as que se atopa o Museo Provincial, e de diferentes coleccionistas privados. Son obras que se sitúan entre 1950 e 1970 cando Laxeiro residía en Bos Aires, nunha etapa de madurez e de visión cosmopolita.
Relacionadas:
-
Unha ruta guiada amosará á poboación os espazos da vida e inspiración de Laxeiro en Pontevedra
Por Redacción |
-
Unha ruta por Pontevedra seguindo a inspiración de Laxeiro
Por Redacción |
-
Visitas guiadas e obradoiros infantís para achegarse á figura de Laxeiro o Día das Artes Galegas
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra lembra a Laxeiro no 25 aniversario do seu pasamento
Por Redacción |