Unha ruta por Pontevedra seguindo a inspiración de Laxeiro
Por Redacción
Laxeiro, o pintor de Lalín a quen este 2022 se dedica o Día das Artes Galegas, vai a ser homenaxeado este mes de maio cunha serie de rutas que percorrerán espazos vinculados á súa vida e á súa traxectoria nos concellos de Lalín, Vigo e Pontevedra.
As rutas, que comezarán ás 11 horas e terán un percorrido a pé de dúas horas e media, buscan contextualizar ao pintor nos espazos da súa inspiración, lugares de ida e volta para el.
No caso da cidade do Lérez, "Os Camiños de Laxeiro" amosará ao público a Pontevedra intelectual, unha cidade moi querida polo artista e na que se visitarán os seus murais do Café Moderno e a súa obra no Museo de Pontevedra.
Todos estes foron espazos reinterpretados por Laxeiro cunha mitoloxía, xeito propio e certo misterio inconfundible, destacan os organizadores.
Esta ruta, que se celebrará o sábado 28 de maio, estará guiada polo historiador, arqueólogo e escritor Felipe-Senén López Gómez.
A de Pontevedra será a última destas rutas, que comezarán o sábado 7 de maio en Lalín, con saída desde o Museo Municipal Ramón María Aller, introducindo ás persoas asistentes nos espazos da súa orixe, a casa, a familia, a veciñanza, a escola ou a espesura da fraga de Catasós.
O día 21 coñecerase o Vigo de Laxeiro, onde o artista tivo o seu obradoiro de creación máis concorrido na rúa Príncipe, frecuentaba as tabernas tradicionais e faladoiros dos cafés e haberá unha explicación da obra do autor exposta na Fundación Laxeiro.
As persoas interesadas nestes roteiros, que contan con 25 prazas cada unha, poden apuntarse xa no enderezo electrónico roteiros.cultura@depo.gal.
Os Camiños de Laxeiro é unha proposta impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega das Artes.
Relacionadas:
-
Dúas obras do Museo viaxan a Madrid na exposición itinerante ‘Foi un home. Laxeiro en América'
Por Redacción |
-
Visitas guiadas e obradoiros infantís para achegarse á figura de Laxeiro o Día das Artes Galegas
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra lembra a Laxeiro no 25 aniversario do seu pasamento
Por Redacción |