Daniel Sanmartín volverá facer soar o órgano de Santa Clara: "Non está para moitos trotes"
Por Manu Otero & Diana Eiras
O organista pontevedrés Daniel Sanmartín volverá facer soar o órgano de Santa Clara. Esta xoia do barroco ibérico leva en desuso desde que as clarisas comezaron a abandonar aos poucos o convento. Non se lembra a última vez que se empregou para actos litúrxicos, pero este martes, polo Día das Letras Galegas, o reputado músico pontevedrés ofrecerá un recital aberto ao público xunto cun grupo de corda da Orquestra Clásica de Vigo. Será ás 20 horas con entrada gratuita ata completar aforo
"Estamos diante dun dos únicos tres órganos que hai na cidade de Pontevedra. É un instrumento bastante especial, foi construído a finais do século XVIII", explicou este luns durante un ensaio previo ao concerto deste martes.
O paso do tempo fixo efecto nesta xoia. "Son instrumentos que teñen que ser mantidos dunha certa maneira, con revisións periódicas non só a nivel de afinación, tamén a nivel mecánico. Son instrumentos delicados e ten case 300 anos", subliña o músico, quen recoñece que "agora mesmo as posibilidades que ofrece o órgano é un 20 % do que podería ofrecer".
Explica Sanmartín que o órgano presenta deficiencias a varios niveis. "A nivel fónico un dos maiores problema que ten débese as intervencións que sufriu ao longo dos anos. Atopamos rexistros e conxuntos de tubos que nin sequera existían na concepción do XVIII cando foi construido", puntualiza.
Ademais,"a afinación está mal, pero o suficientemente ben como para facer un concerto con certas garantías. O órgano está máis baixo do que se soen afinar os instrumentos e isto tivo que ver na eleccion do repertorio", engade o músico, que ofrecerá un recital pensado para ir acompañado unicamente con instrumentos de corda e dúas trompas. "Non se podería facer un concerto acompañado dun oboe ou fagot porque non teñen marxe para adaptarse á afinación do órgano", argumenta.
"Tamén hai notas desfinadas aquí e alá, pero nos rexistros fundamentaris funciona bastante ben, aínda que un oído acostumbrado pode notar cousas estrañas", asume.
A pesar destas deficiencias provocadas polo paso do tempo, recalca Sanmartín que "este tipo de obxectos artísticos históricos sempre son recuperables". Ademais, as pequenas dimensións do órgano favorecen unha restauración moito máis económica.
Aínda que o convento leva anos baleiro, o órgano mantívose activo ata os primeiros anos do novo século. "O órgano tocouse de forma frecuente pola comunidade das Clarisas. Non é que estivera abandonado. Seguramente ata o ano 2000 se usou con asiduidade, pero usouse ata onde se podía usar, para a función ltúrxica o órgano está aceptable. Facer un concerto no que se vexan todas as posibilidade do instrumento ibérico non é posible e seguramente xa non era posible hai 50 ou máis anos", calcula o organista.
Dado o seu delicado estado, tampouco el pode afrontar o concerto deste martes coma se nada. "A estes instrumentos mecánicos hai que achegarse dun xeito particular. Non é un teclado como o do piano, o toque ten particularidades, non se pode usar o peso do brazo e xa cando eliximos o repertorio do concerto buscamos cousas non particularmente virtuosas nin que requerisen moito ao órgano porque o pobre non está para moitos trotes", explica Sanmartín.
Á marxe das posibilidades musicais que actualmente poida ofrecer este órgano, o músico pontevedrés destaca a calidade patrimonial deste instrumento e o importante que é para a cidade mantelo no convento.
"Eu son de Pontevedra e en canto souben que o Concello compraba o convento, pensei no órgano. Xa pasou en Galicia, algunha igrexa que se vendeu sen que o órgano estivera no pack. Foi en Mondoñedo e comprouno un francés que o ten agora na súa casa. O trata moi ben pero os de Mondoñedo quedaron sen órgano e eu no quería que esto pasara co de Santa Clara", conclúe o pontevedrés que terá a honra de volver facer soar este martes o órgano máis antigo da cidade.
Relacionadas:
-
Os corpos exhumados no convento de Santa Clara trasladaranse a Santiago de Compostela
Por Redacción |
-
VÍDEO.- O luns comezarán as exhumacións das clarisas enterradas no cemiterio de Santa Clara
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O órgano de Santa Clara soará en público o vindeiro martes nun concerto con entrada libre
Por Diana Eiras & María José Pita |
-
Así é "Híbridas en Santa Clara", o "agromar" do antigo convento como referente cultural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |