Javier, actualmente reside en Barcelona "para ampliar a miña formación como técnico e como músico", estudos que iniciou en Coruña pero ante a falta de oportunidades laborais decidiu facer un máster na cidade condal. No cinema e no son están as súas perspectivas laborais futuras.
Na faceta musical, acaba de presentar o sinxelo'Orfeo y Eurídice', que se pode escoitar en todas as plataformas musicais de streaming. Cóntanos en PontevedraViva Radio que a música que fai é un proceso artesanal no que "hai unha parte intelectual para escribir a letra; logo compoñer a canción, gravar, montar e toda a parte de arranxos e mestura, que é un traballo que tamén vou facendo aos poucos".
En canto a estilo: "a maior parte do que fixen está entre o rock e a canción de autor, aínda que neste último single entra tamén na electrónica". En 'Orfeo e Eurídice' colaborou co artista ferrolán Eloy Hermida, que deseñou a imaxe do single e o baterista coruñés Nicolás Cotelo.
Entrou en contacto co Local de Música de Pontevedra durante a súa etapa de Instituto. Sobre esta iniciativa municipal destaca que "están a facer cousas moi interesantes dentro da cultura de Pontevedra e conéctache ademais co tecido musical da cidade".