A música de cámara chega a Híbridas en Santa Clara con Camerata Arven e Catro Cores
Por Redacción
Tras o exitoso arranque da pasada fin de semana, o programa Híbridas en Santa Clara ten previsto dous novos concertos para os próximos días. Serán os que protagonizarán Camerata Arven e Catro Cores, que achegarán a música de cámara á antiga capela do convento.
Camerata Arven actuará na igrexa de Santa Clara este martes 12 de abril, ás 20 horas. É unha agrupación de músicos profesionais con experiencia no ámbito da interpretación e a docencia.
É un conxunto dinámico en canto ao repertorio. O seu principal obxectivo é fomentar o interese pola extensa literatura da música de cámara a través dunha programación variada e orixinal, tendo en conta o conxunto de artes escénicas que forman o teatro, a danza e a literatura.
O mércores 13 de abril, pola súa banda, actuará Catro Cores no marco do programa Mesturas. A actuación comezará ás 20.00 horas.
O cuarteto está formado por trompas galegas que levan experimentado durante anos o que é tocar xuntas no seo dunha orquestra sinfónica. En 2014 decidiron extrapolar esa boa conexión sonora ao terreo da música de cámara co fin de achegar a música a todo tipo de público.
A entrada para todas as actividades será de balde ata chegar ao límite do aforo. Haberá 155 cadeiras. É dicir, non será precisa ningunha reserva para ningunha das actuacións.
Relacionadas:
-
Composición clásica, jazz, flamenco e música electrónica nun novo ciclo de Híbridas co piano como protagonista
Por Redacción |
-
Danza e un concerto de Abraham Cupeiro, a oferta de Híbridas en Santa Clara para a fin de semana
Por Redacción |
-
O folk de Caamaño & Ameixeiras abre este venres a programación de Híbridas en Santa Clara
Por Redacción |
-
Así é "Híbridas en Santa Clara", o "agromar" do antigo convento como referente cultural
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |