"O noso planeta", unha exposición que xunta a beleza do mundo co clamor pola sostibilidade
Por Oskar Viéitez
O Café Moderno de Pontevedra amosará ata o próximo 28 de maio a exposición "O noso planeta" que se pode visitar de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados, de 12.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas.
"O noso planeta" está baseada na recoñecida serie homónima producida por Netflix e que bateu todos os récords de audiencia da súa programación, superando calquera serie ou película da súa carteleira. A exposición é produto da colaboración entre Afundación e a Editorial GeoPlaneta.
Á rolda de prensa deste martes asistiron Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, e Carmen Pérez Larrán, especialista da Área Educativa da Obra Social de ABANCA.
É unha exposición cuxa visita se concibe como unha actividade experiencial para todos os públicos, na cal a diversidade de formatos e a aprendizaxe son partes fundamentais. Así, a mostra conta nas súas diferentes seccións con elementos interactivos e sorprendentes, como unha recreación do fondo do mar polo que se poderá camiñar de xeito virtual na propia sala, unha curtametraxe animada, LEMON, producida pola Fundación Raíña Sofía e un audiovisual titulado "Que podo facer eu? " no que se aborda o coidado e o respecto polo ecosistema como unha tarefa tanto individual como colectiva, entre outras propostas novidosas.
Esta mostra incide na importancia do coidado e do respecto cara ao medio ambiente como única vía para unha vida sostible.
Seguindo os pasos da serie de Netflix, un proxecto coordinado por Alastair Fothergill e Keith Scholey, a exposición percorre desde as minguantes selvas tropicais ata a sobreexplotada alta mar, ilustrando a destrución sen precedentes da natureza a mans do ser humano, pero dirixindo todas as esperanzas cara á súa incrible capacidade de recuperarse.
"Mundos de xeo", "Auga doce", "Pradarías", "Desertos", "Bosques", "Selvas", "Litorais" e "Alta mar" son os oito apartados nos que se reparten as fotografías que compoñen a mostra e a través das que se ilustra a biodiversidade do noso planeta, sempre acompañadas por un texto divulgativo, redactado polos máis importantes especialistas en cada campo desde perspectivas biolóxicas, ecolóxicas ou medio ambientais.
Relacionadas:
-
'La casa de Bernarda Alba' na Tempada de Teatro de Afundación Pontevedra
Por Redacción |
-
O Maratón Fotográfico pola Igualdade regresa a Vilagarcía polo Día Internacional da Muller
Por Raquel Currás Martínez |
-
Festas infantís, animación e exposicións no Entroido 2022 de Marín
Por Redacción |
-
A camelia xa loce na Casa Grande da Finca de Briz
Por Redacción |
-
O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 denuncia a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en internet
Por Oskar Viéitez |