Un percorrido polos premios de pintura da Universidade na Sala Manuel Moldes
Por Redacción
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes acolle desde este venres e ata o 4 de abril un percorrido pola historia dos Premios de Creación Artística da Universidade de Vigo na súa modalidade de pintura.
Na exposición, nomeada 'A complexidade do rectángulo', estarán 14 das obras gañadoras do certame desde os seus inicios ata a peza recentemente recoñecida na súa 18 edición, constituíndo a primeira mostra retrospectiva sobre a traxectoria dos premios de pintura cos que a institución académica recoñece cada ano a creatividade das e os integrantes da comunidade universitaria.
O vicerreitor do campus, Jorge Soto, explicou que a exposición permite afondar "no traballo percorrido, no traballo feito desde hai moitos anos", a través de obras que "se atopaban espalladas pola Universidade".
Xunto a Soto, a inauguración contou coa participación da directora da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración do campus, Eulalia Agrelo, e do vicedecano de Calidade de Belas Artes, Javier Tudela, que manifestou que desde as artes e humanidades, tamén "construímos documentos e relatos, que forman parte dunha tradición de busca na que estamos amplamente interesados".
Na exposición, coordinada pola responsable da sala, Chelo Matesanz, figuran 'De fresa', de Nieves Sierra, ou 'Siamo fuori', da hoxe profesora da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Itziar Ezquieta, recoñecidas nos anos 2002 e 2003, respectivamente. Os cadros 'Sonrisa Nuclear', de Alexandre Melluso; 'Reproducctor de cidades', de Arturo Reboiras; 'O teléfono que chama...', de Salvador Figueira; 'Interiores', de Gonzalo José Rey e a obra sen título de María Peña.
Tamén están na mostra pinturas como '20 de junio de 1976', coa que Marta González foi recoñecida en 2014; e 'La Femme', coa que Sheela Tato era distinguida ao ano seguinte. Tamén están presentes nesta mostra 'Sin título (concreto-abstracto)', de Víctor Hugo Costas, obra en gañadora en 2015; así como a peza '...Y quemada', coa que Rebeca Lar era premiada en 2017. Un conxunto de pezas monocromas do profesor e investigador Marcos Covelo e os dous cadros nos que María Montserrat Gay presenta unha vista cenital das Cíes como metáfora de certas particularidades do territorio galego forman parte, por outra banda, das obras premiadas nos últimos anos.
Por último, no acceso á sala preséntase 'Saudade', unha obra que a alumna de doutoramento de Belas Artes Blanca Nieves Lourés realizou tecendo tiras de lenzos da súa autoría e outra serie de teas e pola que foi premiada na edición número 18 destes galardóns.
Relacionadas:
-
A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes acolle a inauguración da exposición "Aire Galería"
Por Álvaro Arosa Barco |
-
Fernández de la Vega inaugura a aula magna da UNED e imparte unha lección maxistral sobre "educación e igualdade"
Por Redacción |
-
Dobre homenaxe a Manuel Moldes: exposición con obras inéditas para abrir a sala bautizada co seu nome
Por Redacción |