Recala en Caldas a exposición sobre o Centenario da circunnavegación de Magallanes e Elcano
Por Redacción
A Sala de Exposicións do Auditorio de Caldas acolle ata o día 30 de novembro a exposición sobre o "V Centenario da Circunnavegación de Magallanes y Elcano (1519-1522)", producida polo "Centro Cultural y Educativo Español Reyes Católicos" de Bogotá en colaboración co Concello de Caldas de Reis.
A exposición foi inaugurada polo alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, o representante do Rector do centro bogotano, o catedrático Pablo Pinedo Reyes, o deputado provincial Manuel González e os ex rectores do centro, Luis Fernández López e Julio Pérez Fraile.
A exposición explica a través de paneis e imaxes da época as vicisitudes e o contexto da viaxe polo que "temos descuberto e dado a volta a toda a redondez da terra" en palabras de Elcano, e a trascendencia da maior aventura marítima da historia que durou tres anos e catorce días, e que xerou un impacto universal.
En paralelo á exposición, hoxe iníciase un curso homologado de formación do profesorado de 12 horas de duración, xestionado por UGT Servizos Públicos – Sector de Ensino sobre "Organización de proxectos interculturais nun centro da Acción Educativa Española en el Exterior", no que participarán máis de 30 profesores.
A partir da semana próxima realizaranse visitas didácticas e obradoiros para grupos escolares, que contarán co apoio de guías didácticas editadas para diferentes niveis educativos de primaria e secundaria e dunha zona infantil con puzzles na propia exposición, así como unha mostra das especias que foron o obxectivo principal da expedición na búsqueda dunha ruta polo oeste para obtelas.
O coordinador da exposición, Pablo Pinedo, destacou na presentación que "a proposta de iniciar esta exposición en Caldas de Reis está vinculada ás colaboracións previas establecidas co Concello nas homenaxes ao científico ilustrado Francisco José de Caldas, fillo adoptivo de Caldas de Reis, unha figura moi querida e relevante en Colombia".
O alcalde, Juan Manuel Rey, destacou a importancia das colaboracións do Concello con diversas institucións de Colombia e manifestou a súa "satisfacción por iniciar en Caldas o percorrido da exposición e poder ofrecer un instrumento educativo de calidade aos centros educativos e á veciñanza de Caldas para divulgar a expedición de Magallanes e Elcano".
A exposición percorrerá a partir do vindeiro ano outras cidades de España, Portugal e Francia. En Caldas estará aberta de martes a domingo entre as 17 e as 19 horas, e pola mañá para centros educativos e grupos organizados con cita previa no teléfono de avisos do Concello: 647 574 316.