Teatro contra as violencias machistas para o novembro cultural en Cerdedo-Cotobade
Por Redacción
A programación cultural de Cerdedo-Cotobade para o mes de novembro estará marcada pola conmemoración do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Así, case todas as actividades virarán en torno ás violencias machistas.
A primeira actividade será este sábado 6 de novembro, as 19:30 horas, na que chegará ao recentemente inaugurado Centro Sociocultural de Tenorio a actuación de Cachosdesqueches, dentro do programa Tornar ás Táboas que patrocina a Deputación de Pontevedra.
O domingo 7, ás 19 horas no auditorio do Centro Cultural de Cerdedo, será a quenda para a obra de teatro Invisibles, centrada da necesidade de visibilizar e empoderar á muller e o problema da discriminación e a violencia de xénero de fondo.
As actrices Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez porán en escena unha adaptación da obra da xornalista arousá Montse Fajardo baixo a dirección de Marián Bañobre.
Teatro solidario cos damnificados polo volcán de La Palma será a opción elixida para o sábado 20. Así, o grupo de teatro Ilusionistas porá en escena, a partir das 19 horas no Centro Cultural de Cerdedo, a obra Non queremos perdices.
Con ela, buscan recadar donativos para envialos aos cabildos insulares que están canalizando as axudas que por este concepto chegan de toda España.
A oferta teatral deste mes de novembro complétase o domingo 21, ás 19:00 horas, en Tenorio coa representación da obra Bernarda protagonizada polas actrices Celia González, Luisa Merelas e Esther Aja sobre un texto orixinal de José Prieto.
O alcalde, Jorge Cubela, destaca que dispoñer de instalacións axeitadas para albergar este tipo de representacións teatrais en todo o territorio "permítenos achegar estas actividades que doutro xeito non poderíamos" e invitou á veciñanza a asistir a estas representacións.
Relacionadas:
-
O Concello de Cerdedo-Cotobade ábrese á coxestión dos espazos públicos coas entidades sociais
Por Redacción |
-
Unha obra de teatro e unha andaina reivindicativa para loitar contra a violencia de xénero
Por Redacción |
-
8M | Un camelio nos Baños de San Xusto para lembrar a todas as mulleres galegas
Por Redacción |
-
25N | Cerdedo-Cotobade apunta ás máscaras como un símbolo "da mordaza que fai calar a moitas mulleres"
Por Redacción |